PLENO

O BNG pregunta polas xestións realizadas no último ano para dotar de uso público a vella terminal de Lavacolla

lavacolla
Vella terminal de Lavacolla

“A pasividade do Goberno español e AENA non pode ser respondida con máis pasividade por parte do Goberno de Compostela Aberta”, explica Rubén Cela

O BNG pregunta polas xestións realizadas no último ano para dotar de uso público a vella terminal de Lavacolla

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, anunciou que presentará unha iniciativa no vindeiro Pleno para coñecer as xestións de Compostela Aberta logo de aprobarse hai un ano unha moción para instar a Fomento e AENA a converter a vella terminal de Lavacolla, completamente abandonada, nun espazo de utilidade de uso público.

“O Concello de Santiago ten que ter unha proposta propia que sexa seria e factíbel, un proxecto de cidade o máis consensuado posíbel, que non pase nin por derrubar nin por abandonar esta infraestrutura, nin por un uso privativo senón que sexa de interese xeral e de uso público”, explicou en rolda de prensa. “Dende o BNG cremos que a posición do Goberno municipal non pode ser a de sentar e agardar; a pasividade do Goberno español e AENA non pode ser respondida con máis pasividade”, advertiu. Reclamou, deste xeito, que o Goberno de Compostela Aberta sexa proactivo e non mero espectador en dúas direccións, cunha parte propositiva e outra de presión para que se materialice o proxecto e a utilización das instalacións.

A vella terminal do aeroporto de Lavacolla rematouse de construír en 1969, con posteriores ampliacións en 1976, 1982 e 1993, e leva pechada sen actividade dende outubro do 2011. “O BNG xa dende antes de que pechara advertiu, tanto no Concello como no Congreso, que era imprescindíbel que antes de pór a funcionar a nova terminal se determinasen os usos das vellas instalacións”, explicou Rubén Cela, “mais dende aquela non se ten avanzado e cada vez está máis deteriorada”.

É un edificio que, polas súas características, podería albergar diferentes actividades, pois dispón no seu interior de 18.755 metros cadrados útiles e conta cun aparcadoiro de 2.234 prazas situado fronte á terminal. Destaca tamén o seu emprazamento estratéxico, con conexión á AP-9.

“Cando se aprobou o proxecto da nova terminal, había tres posibilidades; por unha parte que seguise cumprindo funcións aeroportuarias, que cambiase de usos e a terceira era o derrubo”, sinalou. “Non se optou por ningunha das tres, mais especulouse con posíbeis usos, mais ningún proxecto estivo avalado por estudos técnicos”, engadiu. Entre elas, falouse de trasladar as instalacións do aeroclube, creación dun parque tecnolóxico, centro de peregrinos/as, centro de formación aeronáutica, outlet, museo da aviación e da aeronáutica, terminal de carga, recinto feiral complementario ao Palacio de Congresos e a Amio, viveiro de empresas...

 

Deste xeito, o BNG considera prioritario que a antiga terminal de Lavacolla reverta en uso público para o interese xeral da cidade, cunha utilización compatíbel coas normas de seguridade de AENA, e defende “que non se derrube nin se abandone”.

O BNG pregunta polas xestións realizadas no último ano para dotar de uso público a vella terminal de Lavacolla