XESTIÓN
Compostela Aberta aprobou esta semana “a urxencia” de pagar os premios do Entroido de 2017
O BNG reclama “celeridade e seriedade” na xestión dos concursos deste ano “porque hai comparsas históricas que teñen que adiantar moito diñeiro”
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2018.- O grupo municipal do BNG advirte que as comparsas e disfraces gañadores do concurso de Entroido de 2017 aínda están a recibir agora os premios “porque a liquidación dese importe foi a unha Xunta de Goberno extraordinaria e urxente o martes pasado”, explicou Rubén Cela, o que evidencia unha demora considerábel na xestión do Goberno de Compostela Aberta.
A orde de pasar a caixa a orde dos premios do ano pasado foi o 11 de decembro de 2017, “isto non é serio porque unha institución cando se compromete cos veciños e veciñas a facer uns concursos e uns premios debe tramitalos en tempo”, sinalou.
Dá a impresión de que “a urxencia” de aprobalos en Xunta de Goberno a mediados de xaneiro estribaba en telo aprobado antes de presentar a programación de Entroido, destacou. “Sería escandaloso presentar a programación do ano seguinte sen ter pagados os premios do ano anterior”, afirmou.
Así, reclamou que o Goberno municipal tome nota disto e que funcione “con maior celeridade e seriedade porque están xogando coa ilusión de moita xente e hai comparsas históricas que teñen que adiantar moito diñeiro para participar nestes eventos e se ao final tardan tanto en cobrar pode funcionar como un desincentivo para participar no desfile”.
Foto: Álvaro Ballesteros