PLENO
O BNG reclama axilidade para que o colectivo de persoas artesás teñan os postos asignados en Semana Santa
Aínda están en proceso de redacción as bases da nova convocatoria
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2023.- O BNG trasladará unha iniciativa ao Pleno para reclamar que o Goberno local axilice os trámites para que o colectivo de persoas artesás que venden en prazas e rúas da Cidade histórica poidan desenvolver o seu traballo xa a partir da Semana Santa.
O colectivo de persoas artesás que exhibe e vende os seus traballos en prazas públicas de Santiago de Compostela trasladou a súa preocupación ao grupo municipal do BNG porque, segundo explicaron, están en proceso de redacción as bases da nova convocatoria e requiren que se axilicen os prazos para poder abrir canto antes.
En concreto, reclaman que o proceso de adxudicación de postos xa estea concluído para desenvolver a súa actividade no tempo da Semana Santa co fin e dinamizar a actividade artística e comercial nas rúas de Santiago de Compostela nese período.
Neste sentido, o BNG reclama unha maior previsión por parte do Goberno local para a asignación destes postos, co obxectivo de que teñan posibilidade de desenvolver esta actividade de xeito organizado.