PLENO
O BNG reclama a sinalización e promoción da ruta cultural e ambiental de Barciela e Marantes
Dous anos despois de estar aprobada esta actuación non se realizou e isto é unha mostra máis do descoido do Goberno local do PSOE
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2023.- O BNG trasladará ao Pleno unha pregunta para coñecer en que prazo ten previsto o Goberno local proceder á sinalización da ruta cultural e ambiental en Barciela e Marantes, que xa foi aprobada hai dous anos.
A portavoz municipal do BNG, Goretti Samartín, lémbralle ao alcalde que no Pleno de decembro de 2020 se aprobou unha moción para crear a ruta cultural e ambiental en Barciela e Marantes cos votos de BNG, CA e PSOE; e a abstención do PP. “Dous anos despois de estar aprobada esta actuación non se realizou e isto é unha mostra máis do descoido do Goberno local do PSOE”, advertiu.
Nesta iniciativa recollíase a petición da asociación veciñal Rego das Pedras para a creación da ruta cultural de Barciela e Marantes, como alternativa ao Camiño Inglés, para recuperar o antigo trazado do Camiño de Santiago e pór en valor o patrimonio existente. A intención é que con esta ruta cultural se poidan dar a coñecer a igrexa de Santo Andrés da Barciela, a Fonte dos Ingleses e a capela da Agualada cun claustro románico atribuído ao obradoiro do Mestre Mateo, entre outros.
Para iso cómpre dispoñer da sinalización adecuada que, dous anos despois, aínda non se instalou nin tampouco se promocionaron estes lugares de especial interese.