PLENO

O BNG reclamará no Pleno que o Concello traslade o caso Desproi á Fiscalía para depurar responsabilidades

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi
É a única maneira de esclarecer se foi lícita esa contratación rodeada de supostas irregularidades como conceder unha licenza de actividade por silencio administrativo e cunha débeda de 172.000 euros co Concello
O BNG reclamará no Pleno que o Concello traslade o caso Desproi á Fiscalía para depurar responsabilidades

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2023.- O BNG defenderá unha moción no Pleno para trasladar á Fiscalía, no prazo dun mes, o expediente de contratación irregular e toda a documentación relacionada coa empresa Desproi, co obxectivo de esclarecer o acontecido e de que se adopten as responsabilidades xudiciais que correspondan se as houber.

Segundo explicou a portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, despois de se coñeceren nas últimas semanas novos datos sobre a contratación irregular dunha nave por parte do Concello de Compostela, froito da sinatura dun contrato entre o alcalde de Santiago e un alto cargo da UGT e de Unións Agrarias, “fican aínda moitas incógnitas sen resolver e, sobre todo, varias constatacións de ter o goberno local mentido á poboación ou silenciado a súa responsabilidade directa nalgúns dos feitos que rodean este turbio proceso”.

A poboación compostelá precisa respostas a moitas interrogantes que rodean “un caso de falta de transparencia e democracia”. O BNG considerou desde o inicio que debería ser o propio goberno quen trasladase este expediente á Fiscalía. De feito, no propio Concello existen antecedentes de comisións de investigación internas de cuxo labor se rematou trasladando expedientes á Fiscalía. “Tendo en conta a falta de tempo neste mandato para realizar esa comisión de investigación, por transparencia co conxunto da poboación xulgamos imprescindíbel que desde o propio Concello se poña a disposición da Fiscalía o conxunto do expediente sobre a nave contratada a Desproi”, explicou Goretti Sanmartín, pois esa será “a única maneira de garantir que o exame desta documentación constate que se deriven -ou non- as responsabilidades pertinentes a nivel xudicial, sen que iso signifique a falta de necesidade de que se adopten as medidas precisas respecto das responsabilidades políticas que puidese haber”.

O goberno local debe dar explicacións sobre se unha empresa pode desenvolver a súa actividade sen licenza de actividade e se é lícito que se conceda por silencio administrativo. O BNG quere saber, ademais, se Desproi conta con informe de prevención de riscos para desenvolver a actividade que lle encomendou o Goberno local do PSOE no Polígono de Costa Vella. “Aínda se descoñecen os motivos de por que non se lle pediu a Desproi a documentación de estar ao corrente coas administracións públicas, como se lles esixe a empresas e particulares para obter axudas ou contratar co Concello”, indicou, e por que desbotaron trasladar os servizos de Medio Rural e de Parques e Xardíns a instalacións públicas municipais cando escolleron esa empresa, tendo en conta que esa posibilidade era factíbel e supuña un aforro económico para as arcas municipais.

O BNG reclamará no Pleno que o Concello traslade o caso Desproi á Fiscalía para depurar responsabilidades