RESIDUOS
Goretti Sanmartín reúnese con Hostelería Compostela para coñecer propostas de mellora do novo sistema de recollida de residuos
Para o BNG, cómpre un maior diálogo e adecuar as necesidades existentes por parte das asociacións de hostalaría, comerciantes e veciñais na Cidade histórica
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2023.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro con representantes de Hostalería Compostela sobre as dificultades do novo sistema de recollida de residuos na Cidade histórica en canto ao tipo de colectores, horarios, rutas dos camións, existencia de terrazas e tratamento de lixo, de cara a coñecer as súas propostas de mellora.
O BNG reclama que o Goberno local convoque unha reunión coas asociacións de hostalaría, persoal técnico do servizo, representantes do persoal e da empresa de recollida de residuos para realizar unha análise das necesidades co obxectivo de adecuar a organización da recollida selectiva de residuos neste ámbito e de que se cumpra o estipulado no contrato, en canto a recursos materiais e humanos. Ademais, propoñen unha xornada de formación e información sobre o tratamento final dos residuos, xunto cos resultados e datos de mostraxe da enquisa realizada.
Segundo explicaron no encontro, o Goberno local non recibe este colectivo de Hostalería Compostela que quere explicarlle as deficiencias que detectan co novo operativo, en relación ao reparto de colectores manuais en vez de automáticos, á imposibilidade de sacar o lixo co sistema porta a porta neses horarios fixados que van provocar que circulen 5 camións cada tarde/noite pola Cidade histórica e á presenza de lixo nas rúas en horario de terrazas. A iso súmanlle que non se tivo en conta que a maioría dos locais son de pequenas dimensións e precisan un espazo amplo para gardar tantos colectores no seu interior.
Para o BNG, cómpre un maior diálogo e adecuar as necesidades existentes por parte das asociacións de hostalaría, comerciantes e veciñais na Cidade histórica para que o sistema de recollida de residuos funcione de xeito acaído, ademais de que a empresa cumpra cos recursos materiais e humanos que figuran no contrato.