INSTITUCIONAL

Goretti Sanmartín insta a “un acordo de cidade” para ampliar as prazas de aparcadoiro no CHUS e no novo centro de protonterapia

Goretti Sanmartín Rei
Goretti Sanmartín Rei

O BNG empraza á Xunta, en colaboración co Concello, a buscar unha alternativa e comprometerse de maneira inmediata, como fixo nas demais cidades galegas

Goretti Sanmartín insta a “un acordo de cidade” para ampliar as prazas de aparcadoiro no CHUS e no novo centro de protonterapia

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2023.- O BNG considera que Bugallo chega tarde a este pulso coa Xunta para que haxa un novo aparcamento na zona do Hospital Clínico. “É evidente que tanto PP como PSOE non poñen os intereses de Santiago por diante e que o alcalde nunca debeu aceptar o proxecto de ampliación do Hospital Clínico sen condicionalo a que se solucionasen os problemas de aparcamento, pois ese era o momento de pelexar por esta cuestión, tendo en conta que a Xunta asume esas obras de ampliación de prazas de estacionamento noutras cidades galegas”, explicou Goretti Sanmartín. Así, avoga por alcanzar “un acordo de cidade”, coa colaboración conxunta da Xunta e do Concello, para ampliar as prazas de aparcadoiro que dean servizo ao CHUS e ao novo centro de protonterapia.

Está prevista a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, mais ese proxecto non leva en paralelo a ordenación nin incremento de prazas de aparcadoiro públicas necesarias para este centro sanitario. Agora o alcalde encóntrase coas evidencias que estaban claras: cada vez hai máis caos e a iso vaise unir ese importante centro de protonterapia que tamén debe traer unha ampliación de prazas de aparcadoiro para dar servizo a profesionais sanitarios e doentes. Fronte a iso, o alcalde socialista decidiu facilitarlle todo á Xunta en espera de que se amañase doutra maneira, sen ter unha previsión estratéxica sobre mobilidade.

“Hai que pelexar diante da Xunta polos intereses de Santiago pola ampliación do aparcadoiro, que é algo fundamental, e debe haber máis planificación”, incidiu Goretti Sanmartín. Para o BNG, o aparcamento da parcela do CIMUS pode contribuír a incrementar as prazas mais non é suficiente como solución final e cómpre un estudo de mobilidade en toda a zona, “polo que emprazamos á Xunta, en colaboración co Concello, a buscar unha alternativa e comprometerse de maneira inmediata, como fixo nas demais cidades galegas cando ampliou as instalacións sanitarias”. Así, “pedímoslle ao PP e ao PSOE que deixen de botar balóns fóra e que se poñan a traballar para buscar e acondicionar novos espazos de aparcamento nas inmediacións do Hospital Clínico”, engadiu.

Borja Verea votou en contra dese aparcamento nos Orzamentos da Xunta

Goretti Sanmartín lembra tamén que o deputado do PP Borja Verea votou en contra dunha emenda do BNG en que reclamaba 2,2 millóns de euros nos Orzamentos da Xunta para 2023 para destinalos á ampliación do aparcadoiro público no CHUS, que debe dar potencial servizo a 379.717 persoas con tarxeta sanitaria adscrita a este centro. Trátase dunha das medidas que concita unanimidade social e política, mais que a Xunta non asume.

Ademais, anunciou que proximamente se debaterá unha batería de iniciativas do BNG no Parlamento para instar a Xunta de Galiza a realizar un plan de reordenación e ampliación do aparcamento do CHUS con orzamento propio “e aí veremos a vontade de Borja Verea para solucionar este grave problema que lle afecta á veciñanza de Santiago de Compostela”.

Goretti Sanmartín insta a “un acordo de cidade” para ampliar as prazas de aparcadoiro no CHUS e no novo centro de protonterapia