ENSINO

O BNG reclama a convocatoria do Consello escolar municipal

Encontro coa FANPA
Encontro coa FANPA
Na reunión coa FANPA destacan que cómpre un xiro de 180º en materia de ensino por parte do Concello para traballar en colaboración coa comunidade educativa compostelán
O BNG reclama a convocatoria do Consello escolar municipal

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2023.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro con representantes da FANPA e coincide coa necesidade convocar o Consello escolar municipal, que leva 12 anos sen reunirse pese a que é obrigatorio segundo a Lei de Consellos Escolares, “unha mostra máis do mal funcionamento do Goberno local coa comunidade educativa nunha materia como o ensino que é un elemento básico da sociedade”.

Na reunión tamén participaron Míriam Louzao e Fernando Lacaci, da candidatura do BNG ás eleccións de maio de 2023, e Esther Martínez e Eva Vila por parte da Federación de asociacións de nais e pais. “Para o BNG, cómpre un xiro de 180º en materia de ensino por parte do Concello de Santiago de Compostela para traballar en colaboración coa comunidade educativa”, indicou Goretti Sanmartín.

Referíronse tamén á falta de participación no deseño do novo mapa escolar para atender ás necesidades actuais de zonificación segundo o crecemento demográfico en distintos barrios da cidade, aos atrasos nos horarios do transporte escolar que padecen e nos cambios introducidos nos servizos de conciliación en canto ao momento concreto de recollida das crianzas, que non facilita a compatibilidade laboral dos pais e nais.

Propoñen que o Concello de Santiago realice unha diagnose dos problemas dos centros de ensino públicos, coa asignación das obras de competencia municipal ou da Xunta, para realizar unha planificación plurianual con orzamento concreto que priorice as intervencións urxentes. Por poñer uns exemplos, citaron os aseos antigos que cómpre substituír no CEIP Monte dos Postes, as pingueiras que hai cada vez que chove no CEIP López Ferreiro ou o acondicionamento da zona de aparcadoiro no CEIP Ramón Cabanillas.

En canto ao plan piloto de instalar cociñas nos comedores escolares, indicaron que no Ramón Cabanillas xa as hai, en Vite e na Sionlla hai espazo e teñen dispoñibilidade para ese cometido, co fin de probar este sistema en vez do traslado do catering envasado para alimentar o alumnado, como acontece na actualidade. “É necesario que se faga este plan piloto para mellorar a calidade deste servizo de comedores”, explicou.

 

 

O BNG reclama a convocatoria do Consello escolar municipal