COMEDORES

O BNG reclama que se corrixa a falta de menús nos comedores escolares municipais ao non chegar para a totalidade de nenos/as

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
No CEIP das Fontiñas a empresa subministrou 30 comidas de menos nunha xornada e as queixas son xeralizadas nos nove centros escolares
O BNG reclama que se corrixa a falta de menús nos comedores escolares municipais ao non chegar para a totalidade de nenos/as

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, preguntará no Pleno polas irregularidades da empresa que presta o servizo de comedor contratada polo Concello de Santiago ante as queixas da escasa calidade e cantidade dos xantares, tendo en conta que nunha mesma xornada chegaron a faltar até 30 menús nun dos centros e tiveron que repartir a comida entre nenos e nenas.

O BNG recibiu queixas dos problemas que existen a diario nos comedores escolares por parte da empresa da empresa concesionaria, de tal maneira que houbo irregularidades ao non ser suficientes os menús subministrados e non chegasen para todos/as os nenos/as. Para o BNG, a alimentación nesta etapa vital do alumnado debe ser tomada en serio por parte do Concello e esixirlle á empresa concesionaria deste servizo que garanta a súa calidade.

“Sabemos que isto é unha cuestión xeralizada nos nove comedores que xestiona o Concello, mais de maneira especial temos queixas do CEIP Ramón Cabanillas e no das Fontiñas onde faltaron uns 30 menús nunha mesma xornada e houbo que facer unha distribución da comida entre os nenos e nenas e mesmo botar man da sobremesa para paliar a carencia de número de menús”, explicou Goretti Sanmartín.

“Hai queixas tanto da cantidade como da calidade e, tendo en conta que é unha cuestión reincidente nos comedores escolares, o BNG trasladará unha pregunta ao Pleno para saber se o Concello ten constancia destas irregularidades, se se reuniu coa empresa concesionaria do servizo e se vai abrir un expediente para aclarar o acontecido”, sinalou, “para que se garanta a calidade e a cantidade dos menús dos comedores escolares xestionados polo Concello de Santiago”.

A licitación do servizo de comedor que ofrece o Concello de Santiago ten problemas desde hai anos, á parte das xestións organizativas para garantir o acceso universal neste servizo a todas as familias que o demandan, tamén en días soltos. A deficiencia do servizo que ofrecen as licitadoras do contrato é unha protesta histórica das nais e pais das crianzas que asisten ao comedor. Na actualidade, hai 1.444 solicitudes para utilizar os nove comedores escolares que xestiona o Concello de Santiago, tendo en conta que se incrementaron en 186 máis a respecto das 1.258 das inscritas ao inicio do curso escolar.

O BNG reclama que se corrixa a falta de menús nos comedores escolares municipais ao non chegar para a totalidade de nenos/as