PLENO
O BNG reclama que se reactive o Consello Municipal de Persoas Maiores
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, pregúntalle ao alcalde cando ten previsto o Goberno local reactivar o Consello Municipal de Persoas Maiores, elaborar o seu regulamento e pór en marcha as actividades que precisan, posto que transcorreu un ano desde que se aprobou este acordo en Pleno.
En outubro de 2019, aprobouse unha moción conxunta de PSOE, PP, CA e BNG para a creación do Consello municipal de persoas maiores, como órgano consultivo e asesor nas materias relacionadas co seu ámbito. No segundo punto explicitábase que, unha vez constituído, se elaborase e aprobase o seu regulamento que facilite a participación de entidades e grupos sociais que traballen a prol do benestar das persoas maiores coa finalidade de contribuír a unha comunidade forte, cohesionada e plural, da que todas/os veciñas e veciños forman parte como membros activos que dela son.
Nese mesmo mes, o alcalde mantivo un encontro con representantes da Plataforma de Pensionistas de Compostela en que se comprometeu a reactivar o Consello Municipal de Persoas Maiores e a estudar políticas de apoio para este colectivo. Daquela, comprometeuse tamén a crear un grupo de traballo específico para estudar a situación das persoas maiores, que son máis de 20.000 segundo os datos do censo, das que 5.000 viven soas. Neste sentido, cómpre organizar actividades municipais específicas para este colectivo, ademais de prestar atención aos coidados que precisan.