O BNG reclama o cumprimento dos contratos das empresas que prestan servizos municipais
Elvira Cienfuegos lembra que o punto limpo móbil púxose en marcha a raíz de que o BNG o reclamase publicamente
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2015.- A concelleira do BNG Elvira Cienfuegos insta ao Goberno local a revisar os pregos de condicións dos contratos das empresas concesionarias de servizos municipais e as melloras que introduciron ao abeiro dos concursos para verificar e reclamar que se cumpran, de ser o caso. En concreto, referiuse a que a concesionaria do servizo de recollida e do tratamento de residuos, Urbaser, vén de pór en marcha un punto limpo móbil, tal como reclamou o BNG semana pasada, logo de anos de demora sen ofrecer esta prestación, cos prexuízos que causa para a cidadanía.
O BNG interesouse polos incumprimentos de Urbaser por medio de preguntas dirixidas ao Goberno de Agustín Hernández e só cando algúns dos déficits foron trasladados á prensa anunciouse a posta en funcionamento do punto limpo móbil de recollida de residuos.
Elvira Cienfuegos destacou tamén que este non ha de ser o único incumprimento de contrato desta e doutras empresas que prestan servizos ao concello, como xa se ten demostrado, por exemplo, coas escolas infantís de Conxo e Fontiñas, polo que demanda que se leven a termo os controis necesarios, moitos deles xa previstos nos propios pregos de contratación, e se adopten as medidas oportunas en cada caso.