Reunión coa Coordinadora de ONG para o desenvolvemento
Membros da comisión que elabora o programa traballaron sobre medidas destinadas a combater a pobreza e a promover o comercio xusto e o consumo responsábel
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2015.- Unha representación da comisión que elabora o programa electoral do BNG-Asembleas Abertas de Santiago de Compostela reuniuse con representantes da Coordinadora de ONG para o Desenvolvemento, co fin de recoller e de contrastar ideas para o documento.
En concreto, traballaron sobre medidas destinadas a combater a pobreza, ademais de avogar por estabelecer un compromiso global con propostas sobre cooperación para o desenvolvemento. Así, lembraron que na nosa cidade hai 22.000 persoas en risco de exclusión social e 4.000 en pobreza extrema, polo que cómpren medidas efectivas e urxentes de cara a resolver esta situación.
Rubén Cela comprometeuse a estudar a petición de dotación orzamentaria para o desenvolvemento das políticas municipais de cooperación ao desenvolvemento, así como a garantir convocatorias abertas en concorrencia competitiva para a posta en marcha de proxectos de cooperación e de educación para o desenvolvemento en alianza co tecido asociativo da cidade.
Entre outros asuntos, comentaron ademais a necesidade de promover o comercio xusto e o consumo responsábel entre a cidadanía e no propio pazo de Raxoi, con campañas de sensibilización para ofertar estes produtos nas instalacións públicas dependentes do Concello de Santiago e tamén a través da compra pública ética.
Ademais coincidiron en incrementar a colaboración para a construción dun modelo de cooperación ao desenvolvemento de calidade e transformador, que fomente a erradicación da pobreza nun marco de desenvolvemento sostible e de promoción dos dereitos humanos e que propugne a eliminación de calquera tipo de discriminación, ao tempo que promova a igualdade.