ELECCIÓNS

O BNG reclama a devolución de patrimonio artístico de gran valor espoliado polo Estado

Praza Quintana
Praza Quintana
Néstor Rego exixirá no Congreso a recuperación de esculturasda Catedral  e San Paio de Antealtares e unha importante colección de torques, entre outras moitas
O BNG reclama a devolución de patrimonio artístico de gran valor espoliado polo Estado

Santiago de Compostela, 26 de Outubro, 2019. O candidato do BNG, Néstor Rego, exixirá no Congreso a devolución dos bens patrimoniais galegos expoliados polo Estado español e depositados en centros públicos como o Museo Arqueolóxico de Madrid. Esculturas do taller do Mestre Mateo da Catedral ou columnas de San Paio de Antealtares ademais dunha colección de torques de grande valor son algunhas das máis de trinta pezas que se atopan na colecció do centro do Ministerio de Cultura do Goberno de España.

"Queremos recuperar ese patrimonio artístico e documental para o pobo galego porque é froito dun espolio que se produciu ao longo de moito tempo por parte do Estado", afirmou Néstor Rego na súa comparecencia na Praza da Quintana, ao pé de dous edificios dos que foron subtraídas algunhas das obras, a propia Catedral de Santiago e o mosteiro de San Paio de Antealtares.

Anunciou o candidato do BNG que reclamará no Congreso o patrimonio histórico artístico espoliado, en especial, o presente nunha institución pública como é o Museo Arqueolóxico de Madrid, "como mínimo, 33 pezas de extraordinario valor para o noso país, algunhas de arte castrexa e outras románicas como as obras do taller de Mestre Mateo, unha colección importante de torques e ourivaría como a diadema de Ribadeo ademais doutras pezas"

Unha demanda con precedentes

"Esta demanda partilla dun movemento que existe hoxe no mundo contrario a esta pillaxe artística que se ten producido como resultado de procesos de colonización e nós tamén reclamamos que esas pezas sexan exhibidas no noso país", explicou Néstor Rego que fixo tamén referencia tamén á recente devolución de máis de duascentas pezas de Cataluña a Aragón despois de dúas sentenzas xudiciais.

Para o candidato do BNG, a vía para recuperar o patrimonio galego "ten que ser pola propia vontade política xa que están en mans dunha institución do Estado e, nese sentido, é fundamental ter representación do BNG en Madrid, termos unha voz propia que poña sobre a mesa do debate político cuestións fundamentais para nós como pobo".

Lembrou tamén que xa no ano 2006 o deputado nacionalista en Madrid, Francisco Rodríguez, conseguira un acordo parlamentar no Congreso para que foran devoltos, cando menos copias dixitalizadas, dos fondos documentais dos mosteiros galegos que foran espoliados a partir da desamortizacións, "mais trece anos despois aínda non foi executado ese acordo e nós insistiremos para que se faga realidade".

En concreto, un Santiago o Menor que formou parte do Coro do Mestre Mateo e un San Bartolomeu, tamén do taller do Mestre Mateo, pertencentes á Catedral de Santiago son dúas das pezas que se atopan no catálogo do Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid, xunto con outro importante conxunto de obras do románico entres as que se atopan un San Xoán Bautista procedente de Montefaro, en Ares, e dúas columna que formaron parte do conxunto escultórico de San Paio de Antealtares ou mesmo unha porta de sagrario da Igrexa de Santa Clara.

O catálogo do centro museístico público situado en Madrid conta cun importantísimo conxunto de torques de grande valor que teñen como lugar de referencia Sobrado dos Monxes, Betanzos, A Coruña, Ortigueira, Cospeito ou Ribadeo que forman parte da sección "Protohistoria e Colonizacións". Tamén na colección do museo público atópanse ferramentas da Idade do Bronce procedentes de territorio galego e pezas históricas de cerámica da fábrica de Sargadelos.

O BNG reclama a devolución de patrimonio artístico de gran valor espoliado polo Estado