ORDENANZAS
Goretti Sanmartín: “Non apoiamos rebaixas fiscais en abstracto, propomos as que teñen unha función social concreta”
Fraccionamento de impostos, cobro do IBI a determinadas propiedades da Igrexa e impostos ás empresas eléctricas e de gas son algunhas das propostas do BNG aceptadas na negociación
Bonificacións para familias monoparentais, numerosas e para persoas paradas de longa duración foron rexeitadas polo Goberno local do PSOE
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, ante o Pleno para a aprobación da modificación das Ordenanzas fiscais para 2020, destacou que con elas se pode facer “política social con bonificacións e exencións a colectivos desfavorecidos”. Durante a negociación das ordenanzas, o BNG conseguiu incluír a realización dun estudo para cobrarlles ás empresas eléctricas e de gas polo uso do solo de dominio público, avanzar nas xestións para o fraccionamento de impostos á carta e tamén na tramitación do cobro do IBI ás propiedades da Igrexa con uso comercial e bens como pisos, leiras e garaxes que manteñen este privilexio. “Non apoiamos rebaixas fiscais en abstracto, propomos as que teñen unha función social concreta”, afirmou.
O BNG propúxolle ao Goberno local unha serie de bonificacións para determinados colectivos; alén das familias numerosas, para familias monoparentais e para persoas paradas de longa duración que non foron aceptadas, pese a que se aplican noutros municipios. “O novo modelo de familias e a precariedade laboral esixen estarmos á altura do que a sociedade demanda e termos maior ousadía á hora de facer propostas fiscais, mais é unha mágoa que non quixesen incluír estas bonificacións”, sinalou.
Entre as propostas do BNG aceptadas na negociación das Ordenanzas fiscais está o compromiso explícito da concelleira de Facenda sobre a realización do estudo económico necesario para cobrarlles ás empresas pola utilización de solo de dominio público, polo paso de gaseoductos e tendidos eléctricos; unha cuestión aprobada polo Pleno por unanimidade en 2017 e que xa está implantada noutros municipios.
Igualmente, o BNG puxo enriba da mesa a necesidade de facer efectivo o fraccionamento da carta de impostos, “un fraccionamento de entre dous e 12 meses que inclúa o conxunto de impostos”, explicou Goretti Sanmartín. “Esta sería unha medida verdadeiramente social que din debe agardar a ter a aplicación informática que a faga real”, engadiu.
Outra das propostas do BNG, ás que se comprometeu o Goberno local, foi a tramitar o cobro do IBI ás propiedades da Igrexa non recollidas no Concordato Estado-Vaticano; é dicir, aquelas que non teñan uso de culto, asistencial ou educativo. “Queremos lembrar que o propio Papa está a favor de que se actualice ese pagamento do IBI”, destacou a portavoz municipal.
Coas ordenanzas pódese facer realidade “unha fiscalidade progresiva que leve a que pague menos quen menos ten e, conseguintemente, a que pague máis quen máis ten”.
“Desde o BNG defendemos que o importante é que as administracións ofrezan servizos ao conxunto da poboación e non partillamos a idea de que recadando menos a xente viva mellor”, explicou a portavoz municipal. Deste xeito, o BNG avoga por investir e exercer as competencias para desenvolver servizos básicos, afirmou en referencia ao rural.