ELECCIÓNS XERAIS
Comeza a campaña do BNG en Santiago para “facer valer Galiza”
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, e o responsábel local, Xesús Domínguez, interviñeron no acto de inicio de campaña das eleccións xerais do 10N na Carreira do Conde, que contou coa participación de militantes e simpatizantes da formación nacionalista.
Segundo explicou Goretti Sanmartín, o voto ao BNG o vindeiro 10 de novembro ten un valor dobre porque “garante que Galiza vaia ter voz propia no Congreso e, ao tempo, garante o desenvolvemento de políticas de esquerdas, como a derrogación de leis antisociais e antidemocráticas como a lei Mordaza, a LOMCE ou a reforma laboral”.
Nun escenario estatal sen maiorías absolutas, sinalou, que Galiza conte con representación do BNG significa tamén que terá capacidade para negociar a favor da sociedade galega. “En Galiza, o BNG é o voto útil para conseguir un cambio real para as necesidades e problemas da sociedade galega e que, por tanto, poida influír nas nosas condicións de vida”, destacou.
Ademais, lembrou que os últimos Orzamentos do Estado foron dos peores en canto a investimentos para Galiza e para Santiago de Compostela, “por iso é necesario facer valer Galiza con deputados como Néstor Rego que encabeza a lista do BNG ao Congreso ou con Tereixa Novo que vai de candidata ao Senado”.
Pola súa parte, Xesús Domínguez animou militantes e simpatizantes a implicárense na campaña electoral “que vai ser con repartos informativos na rúa, nos barrios e polos comercios”, ademais de anunciar o mitin central da comarca de Compostela previsto para o mércores 6 de novembro ás 20:30 h. no Hotel Araguaney.