FEMINISMO
O BNG reclama a inclusión urxente de nomes de mulleres no rueiro compostelán
Goretti Sanmartín Rei sinala que as propostas aprobadas en Pleno como o parque Begoña Caamaño non se materializaron
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2018.- A concelleira do BNG Goretti Sanmartín Rei advertiu en rolda de prensa de que o Goberno de Compostela Aberta “continúa a incumprir determinadas propostas do BNG para incrementar os nomes de mulleres no rueiro compostelán”. Neste sentido, puxo enriba da mesa tres nomes de mulleres para incorporar, de xeito inminente, como son Begoña Caamaño, escritora e xornalista; Rosa Bassave, sindicalista libertaria; e Elena Mihaela Marcu, asasinada por violencia de xénero.
“Esta iniciativa que impulsou o BNG vai destinada a que nas rúas e prazas da cidade se corrixa esa desigualdade de xénero”, sinalou, “pois no Pleno do mes de setembro de 2015 aprobouse que un parque desta cidade levase o nome da escritora Begoña Caamaño”. Hoxe, Día do Libro, era un bo día para ese acto, para recoñecer esta persoa ligada a Santiago de Compostela e implicada no movemento veciñal, cultural e feminista, engadiu. “O propio alcalde respondera no Pleno de setembro de 2015 que había receptividade para lle dedicar na zona das Fontiñas un parque a Begoña Caamaño, mais vai para tres anos e segue sen substanciarse o acordo”, indicou Goretti Sanmartín Rei.
Á vista de que non se fixo, o BNG presentou máis tarde unha serie de nomes para trasladar á Comisión de Condecoracións e en setembro de 2017 realizou unha proposta variada de mulleres “con recoñecemento máis que sobrado” para formaren parte dese rueiro de Santiago de Compostela “e, por suposto, ningún deles se materializou cando houbo outros nomeamentos de rúas e recoñecementos a diferentes persoas como Camilo Díaz Baliño, Miguel Ángel Blanco, o Vello dos Contos que non tiveron que agardar polo novo regulamento e, xustamente, aquelas con nome de muller volveron quedar agochadas”.
Para a concelleira nacionalista, “se queremos converter Santiago de Compostela nun referente de compromiso feminista, ese ‘territorio de mulleres’ ten que tamén verse nas denominacións das placas das rúas e debe poder facerse de maneira clara para compensar esa desigualdade. Nese sentido, dixo, para o BNG é errado que o novo regulamento da Comisión de Condecoracións inclúa no artigo 9.2 que “as persoas físicas serán distinguidas sempre que o seu falecemento se producise 5 anos antes da data de recoñecemento”. Neste sentido, anunciou que presentará unha emenda para que se suprima este apartado porque é contraditorio con outro punto destinado a garantir a equidade de xénero.