POLÍTICA SOCIAL
O BNG reclama a intervención pública das residencias de maiores afectadas para poder controlar a situación e evitar máis contaxios
Dous terzos das persoas falecidas por coronavirus en Santiago de Compostela vivían en residencias de maiores
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, á vista do alto índice de persoas infectadas por coronavirus en residencias de Santiago de Compostela, solicítalle ao alcalde que demande a intervención destes centros por parte da Xunta para poder controlar a situación co fin de contribuír a reducir o número de contaxios e de falecementos.
“Cos datos facilitados, dous terzos das persoas falecidas por coronavirus en Santiago de Compostela vivían en residencias de maiores”, explicou Goretti Sanmartín, “unha proporción desmesurada que responde á falta de contar con medios suficientes de protección, de aplicación de protocolos e de test para detectar as persoas infectadas, que se realizaron con demora e cando o persoal nin sequera podía saber se era ou non transmisor da doenza”. “Actuaron con falta de previsión e de anticipación, cando se sabía que as residencias poderían ser principais focos de contaxio e non se puxeron todos os recursos dispoñíbeis para evitalo”, engadiu.
Nestes momentos, hai máis de 100 persoas infectadas entre internas e persoal das residencias e seguen sen dispoñer de suficiente material de protección, segundo as queixas recibidas no BNG, e mesmo deben reutilizalo ante as carencias de subministración. Derivado disto, cómpre sinalar o elevado número de empregadas e empregados que padeceron contaxios, onde xa van perto de 40 na residencia de San Lázaro.
O BNG reclama transparencia por parte da Xunta, que non facilita os datos da situación das persoas trasladadas destas residencias, e máis información por parte dos propios centros de maiores cando chaman familiares, posto que non poden realizar visitas nin acompañar nas situacións de illamento.
Ademais, Goretti Sanmartín quere expresar o recoñecemento ao bo labor que desenvolven tanto o persoal sanitario como profesionais destas residencias, que antes desta crise sufriron importantes recortes de dereitos laborais, e que están a arriscar a súa saúde para coidar das persoas máis vulnerábeis durante a pandemia do covid-19. Tamén quere transmitir as condolencias ás familias e amizades das persoas falecidas.
O BNG xa anunciou que cando conclúa o Estado de Alarma, solicitará unha investigación parlamentar sobre o acontecido nestes centros de maiores durante a crise do coronavirus, ademais de reclamarlle á Xunta que abra expediente ás residencias que tiveron contaxios masivos como aconteceu na Domus Vi de San Lázaro e Geriatros da Pontepedriña.