CONSORCIO

Goretti Sanmartín propón unha alianza para conseguir unha axuda extraordinaria para o Consorcio da Cidade de Santiago

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
O BNG incide na necesidade de “reorientar a programación do Xacobeo”, para o que propón que o financiamento para a contratación de artistas de Galiza sexa cando menos do 90% co obxectivo de que este evento poida servir “para revitalizar a cultura propia”
Goretti Sanmartín propón unha alianza para conseguir unha axuda extraordinaria para o Consorcio da Cidade de Santiago

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, propón unha alianza entre institucións para conseguir unha axuda extraordinaria ao Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela para destinala, ademais do Xacobeo 2021, á mellora urbana e ao ámbito cultural co obxectivo de contribuír á recuperación da crise derivada da pandemia do coronavirus.

Para o BNG, ante esta situación de Estado de Alarma, non é indispensábel que se reúna o Real Padroado para adoptar unha medida excepcional para o financiamento do Xacobeo 2021 e para a reactivación urbana. “Ten que haber un compromiso das distintas administracións para conseguir un incremento substancial do Orzamento do Consorcio para afrontar o Xacobeo 2021 e iso ten que ser independentemente dese encontro do Real Padroado, que xa o alcalde manifestou que era difícil que se poida reunir de xeito telemático”, explicou Goretti Sanmartín.

A última reunión do Real Padroado produciuse en 2003 e, ante a imposibilidade de convocar un novo encontro, “é necesario chegar a un acordo entre as distintas administracións e entidades que o conforman para estabelecer unha programación plurianual e que se cumpra a posibilidade de contar con maior orzamento para Santiago de Compostela a través do Consorcio”.

“Non podemos chegar a 2021 sen unha cantidade extraordinaria para o Consorcio da Cidade de Santiago que xa perdeu moitos fondos derivados de recortes orzamentarios durante os últimos anos”, afirmou Goretti Sanmartín.

Ademais, incidiu na necesidade de “reorientar a programación do Xacobeo”, para o que propón que o financiamento para a contratación de artistas de Galiza sexa cando menos do 90% co obxectivo de que este evento poida servir “para revitalizar a cultura propia e a súa proxección internacional entre as persoas que visiten o noso país”.

O BNG considera tamén que vai ser necesario realizar cambios en canto ao formato de eventos, posto que se evitarán grandes aglomeracións e, nese sentido, será necesario reformular as previsións de actividades culturais. Do mesmo xeito que albergues, comedores e outros servizos ofertados a peregrinos e peregrinas terán que adaptarse, previsibelmente, aos requirimentos de medidas preventivas derivadas da pandemia, para o que será necesario realizar un investimento público.

Goretti Sanmartín propón unha alianza para conseguir unha axuda extraordinaria para o Consorcio da Cidade de Santiago