LIMPEZA

O BNG reclama a limpeza de restos do material dos fogos do Apóstolo espallados nos parques públicos

Restos da pirotecnia
Restos da pirotecnia
Nas zonas onde se lanzaron os foguetes artificiais permanecen variñas, plásticos e arames de refugallo que non foron recollidos despois das festas
O BNG reclama a limpeza de restos do material dos fogos do Apóstolo espallados nos parques públicos

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2020.- O grupo municipal do BNG insta o Goberno local a que a empresa encargada dos fogos do Apóstolo se faga cargo da retirada dos restos de material pirotécnico utilizado que, semanas despois, segue en parques públicos de Santiago de Compostela.

O BNG recibiu queixas da veciñanza de que nas zonas onde se lanzaron os foguetes artificiais permanecen variñas, plásticos e arames de refugallo que non foron recollidos despois das festas. Estes materiais non son biodegradábeis e, polo tanto, deben ser recollidos para evitar que contaminen e ensucien estes espazos verdes, ademais de problemas que poida causar na flora e na fauna a súa presenza.

Despois da finalización do espectáculo dos fogos do Apóstolo, persoal da empresa pirotécnica debera encargarse de inspeccionar a área de proxección e proceder á recollida do material susceptíbel de deflagración que quedase, ademais de deixar cada zona en boas condicións de limpeza antes de abrilas ao público.

Para o BNG, é necesario que se realicen con urxencia estes labores de inspección e de rastrexo de materiais pirotécnicos por precaución e responsabilidade, tanto para garantir a seguranza como para evitar que se acumulen residuos nas zonas públicas.

O mesmo acontece cando se fan traballos de desbroce e fican á vista obxectos e material de refugallo que cómpre recoller. O lóxico é que o servizo de limpeza municipal pase xusto despois de realizar os desbroces para facer a recollida pertinente.

O BNG reclama a limpeza de restos do material dos fogos do Apóstolo espallados nos parques públicos