PLENO
O BNG reclama medidas para mellorar a recollida de lixo
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2019.- O grupo municipal do BNG está a recibir queixas de numerosos problemas no depósito e recollida de lixo tanto no ámbito urbano, como no rural e na Cidade histórica, ademais de en lugares emblemáticos do Camiño de Santiago, que afean a imaxe e supoñen unha falta de hixiene e sanitaria dos espazos públicos.
Se ben en algúns casos non se respectan os horarios para botar lixo, os colectores e papeleiras son insuficientes e a súa capacidade, en moitos lugares, tamén.
A iso súmase a falta de información da veciñanza sobre a recollida de enseres, o que provoca que aparezan mobles, colchóns, pezas de cuartos de baño e até electrodomésticos a carón dos colectores de lixo, que alí permanecen durante días.
Unha parte deste problema vén derivado da falta de información e de sensibilización da necesidade de depositar o lixo como corresponde para facer unha boa recollida selectiva de residuos.
Deste xeito, o BNG formuloulle ao Goberno local do PSOE se se vai incluír no novo prego do servizo de limpeza que amplíen o número e a capacidade de colectores nos lugares de Santiago de Compostela onde se detectan estes problemas, ademais dunha campaña informativa para sensibilizar de boas prácticas na recollida selectiva de residuos urbanos.
O BNG quere saber tamén que medidas se van tomar desde a Concellaría de Medio Ambiente, mentres non se produce esa nova situación, para conseguir unha recollida axeitada do lixo.