DEPORTES
O BNG reclama mellorar a planificación horaria nos centros deportivos municipais
Recibiu queixas de clubs, agrupacións deportivas e familias da cidade por non disporen con tempo suficiente os horarios
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2017.- O grupo do BNG de Santiago trasladará unha iniciativa ao Pleno de outubro para que o departamento de Deportes mellore a planificación de usos dos centros deportivos municipais e axilice a distribución de espazos e horarios para que as entidades e particulares poidan organizar as súas actividades.
Co inicio do curso escolar comeza tamén a tempada na práctica de deportes individuais e colectivos; estes últimos requiren de espazos axeitados para a súa práctica e mais unha vez o BNG recibiu queixas de clubs, agrupacións deportivas e familias da cidade por non disporen con tempo suficiente os horarios de instalacións deportivas para a práctica das súas actividades.
A tardanza na adxudicación de horarios nas instalación deportivas impide unha boa programación dos clubs e mesmo das familias, pois non saber de que día e hora se vai dispor dun determinado pavillón implica prexuízos e desordes que en moitas ocasións derivan na suspensión da actividade por problemas de conciliación e coordinación.