O BNG reclama melloras na iluminación da contorna da Escola Municipal de Música
A carencia de luz dificulta o tránsito polas tardes durante os meses de inverno a centos de persoas usuarias
Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2018.- O grupo municipal do BNG recibiu queixas de persoas usuarias da Escola Municipal de Música pola escuridade da zona de acceso e do aparcadoiro destas instalacións, un feito que dificulta o tránsito nos horarios de tarde durante o inverno.
Deste xeito, a portavoz municipal Goretti Sanmartín Rei trasladará un rogo ao vindeiro Pleno para reclamar melloras na iluminación na contorna destas instalacións municipais co obxectivo de facilitar o paso de alumnado, nais, pais e profesorado da Escola de Música.
Para o BNG, é necesario que as inmediacións deste centro público teñan os accesos en boas condicións para facilitar a entrada e saída de nenos e nenas que asisten ás aulas e na actualidade teñen que atravesar en total escuridade as zonas de paso ao non dispoñeren de iluminación.