Rubén Cela advirte de que incumprir a sentenza da ORA por parte de Compostela Aberta pode custar 600.000 euros de indemnización

rubencela
Rubén Cela

Dous anos despois de iniciar o proceso de remunicipalización, o Concello segue sen depósito propio para vehículos e mantén o alugueiro do recinto que incumpría a superficie requirida

Rubén Cela advirte de que incumprir a sentenza da ORA por parte de Compostela Aberta pode custar 600.000 euros de indemnización

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2018.- Para o BNG, o principal problema económico do servizo da ORA e do guindastre non é que no último Consello de Administración de Tussa aflorasen os datos do último cuadrimestre, cunha baixada na recadación de xullo a outubro con respecto ao mesmo período do ano pasado (en torno a 60.000 euros, que suporía unha baixada de 200.000 euros/ano) derivados de problemas iniciais e do período de adaptación do sistema tras a remunicipalización.

O concelleiro Rubén Cela avanzou que o principal problema será, previsibelmente, que o Concello de Santiago vai ter que indemnizar con máis de 600.000 euros á empresa Doal, porque Compostela Aberta non lle adxudicou o servizo da ORA e do guindastre tras a sentenza xudicial de setembro de 2015. “Mais cedo que tarde cumprirase o que o BNG leva anos dicindo que ía acontecer, porque o Goberno local non executou esa sentenza e iso será responsabilidade única de Compostela Aberta”, advertiu.

Pese a que o proceso de remunicipalización se aprobou en novembro de 2016 e de que o acordo de asumir a xestión directa por Tussa fose en marzo de 2018, o Concello de Santiago de Compostela “segue sen depósito propio para vehículos e continúa a empregar o mesmo recinto polo que existe unha sentenza xudicial que anula o contrato coa empresa Setex-Aparki por non cumprir cos metros mínimos que estipulaba o prego de licitación”, explicou. “Cando o Xulgado di que a empresa incumpría a superficie de 3.000 m2 para o depósito de vehículos, o Concello a pesar de que tivo dous anos para buscar outra parcela segue a usar ese mesmo espazo en concepto de alugueiro”, engadiu o concelleiro do BNG.

Ademais, Rubén Cela amosouse preocupado pola eventual ampliación de zonas ORA “porque os malos datos de recadación poden ser antesala doutros lugares”, pois xa se propuñan na memoria económica do estudo de remunicipalización previsións de aparcadoiro de pagamento no barrio de Conxo, Santa Marta ou As Fontiñas.

O Goberno municipal incumpriu os acordos co grupo municipal do BNG sobre novos aparcadoiros, pois nos últimos datos facilitados o aparcadoiro de Xoán XXIII ten unha facturación de 1 millón de euros anual, o de Belvís supera os 100.000 euros anuais e en ambos casos son infraestruturas que permiten prezos públicos por debaixo dos prezos de mercado privados e poder facer bonificacións sociais, son especialmente rendíbeis para o Concello de Santiago. “Non entendemos que non se deran pasos en firme para ampliar os aparcadoiros de xestión pública e de propiedade pública como temos demandado para a zona do Ensanche compostelán e para a veciñanza da zona histórica”, sinalou.

Rubén Cela advirte de que incumprir a sentenza da ORA por parte de Compostela Aberta pode custar 600.000 euros de indemnización