MOBILIDADE

O BNG reclama un plan para reducir os accidentes de tráfico

Paso de peóns en mal estado
Paso de peóns sen pintura

Seguen a producirse numerosos atropelos, saídas de vía e colisións como revelan os partes policiais

O BNG reclama un plan para reducir os accidentes de tráfico

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2018.- O grupo municipal do BNG, logo de presentar numerosas iniciativas para mellorar a mobilidade e incrementar a seguranza viaria, reclámalle ao Goberno local un plan destinado a reducir o número de accidentes de tráfico en Santiago de Compostela, pois seguen a producirse numerosos atropelos, saídas de vía e colisións.

Se ben se realizou unha actuación por parte da Policía local sobre 45 puntos onde se concentraban máis número de sinistros e tamén na contorna dos centros de ensino, cómpre volver incidir á vista do promedio de 3 accidentes diarios en Santiago de Compostela que figuran nos partes de servizos policiais. Pese a que aínda non se publicaron os datos de 2018, nos 5 anos anteriores rexistráronse 273 atropelos de persoas. Deste xeito, reclama o último balance para coñecer a información de 2018.

Para o BNG, estas cifras non se poden asumir como algo natural ou estrutural, os accidentes de tráfico pódense reducir e para iso requírense accións por parte das administracións.

Entre as medidas propostas, faise necesaria a iluminación e pintado de pasos de peóns xunto coa súa sinalización e recorte de sebes con vexetación alta nas proximidades, tamén en rotondas e espazos conflitivos para gañar visibilidade; a regulación semafórica e revisión dos tempos para cruzar nos pasos de peóns, que en moitos lugares seguen a ser insuficientes porque se prioriza o vehículo sobre as persoas que van a pé. Son necesarias ademais medidas de calmado de tráfico e campañas de sensibilización de seguranza viaria como non usar o móbil, a práctica de mirar antes de cruzar, o uso dos pasos de peóns e non consumir alcohol e drogas. Ademais, reclámase a sinalización de grava nas obras e o uso de pintura antideslizante nos pasos de peóns e pavimentos.

O BNG reclama un plan para reducir os accidentes de tráfico