PLENO

O BNG reclama que se atenda o informe de Intervención e se xustifiquen todas as horas extra para o seu pagamento

Informe
Informe

Nalgún caso supéranse as 80 horas extra/mes, advirte o informe, cando xa existe un complemento específico por traballaren en festivos

O BNG reclama que se atenda o informe de Intervención e se xustifiquen todas as horas extra para o seu pagamento

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2022.- O BNG reclama a retirada do punto do pagamento de horas extras, introducido de urxencia para o Pleno, ante o contido do informe de fiscalización, que advirte de supostas irregularidades na súa xustificación. En total, son 581.157 euros por gratificacións, fundamentalmente para Policía local e bombeiros.

No informe do director de Área de réxime Interior advírtese da ausencia dun control estrito de que a realización dos servizos extraordinarios “responda á existencia de necesidades urxentes e inaprazábeis”, dado que se están a superar amplamente as previsións económicas iniciais para o seu pagamento. “Dun simple cotexo das listaxes mensuais do persoal de policía e do servizo de extinción de incendios, obsérvase que existen traballadores que superan amplamente o número de 80 horas/ano, mesmo algún deles supera ese límite nun só mes”, recolle o informe.

Así, en Xunta de Portavoces, Goretti Sanmartín emprazou o alcalde a que se realice de novo o procedemento do expediente para que as horas extras realizadas queden debidamente xustificadas. Para garantir a transparencia nestes cobros, reclamou “que se separen aquelas horas extra que xa están debidamente xustificadas para poderen ter o informe positivo e que se abra un proceso de investigación sobre as demais, con fin de dilucidar o que corresponda e facilitar que desde Intervención se redacte un informe positivo”.

O BNG, a favor das horas xustificadas

“O BNG está a favor de que se paguen as horas extras e gratificacións a policía e bombeiros e outro persoal, sempre que sexan necesarias e se determinen os motivos de xeito xustificado”, indicou. Mais tamén é conveniente revisar o procedemento dos últimos anos, atendendo as advertencias dos informes, e para que se amplíen os cadros de persoal co fin de que se poidan contratar máis traballadores/as. Lembrou que en Santiago de Compostela hai unha taxa de paro do 9,88% e no mes de xuño están rexistradas no paro 4.337 persoas, das que 2.407 son mulleres e 1.930 son homes. “Existe posibilidade de contratar auxiliares de Policía no verán e de axilizar a contratación de novos efectivos para o servizo de bombeiros, acolléndose a unha disposición adicional dos Orzamentos do Estado”, explicou.

No informe de Intervención advírtese de que no caso da Policía local, “se ben consta unha autorización, non reviste carácter de decreto, que sería o procedente. Non se pode comprobar que as horas efectivamente realizadas sexan polos motivos previamente autorizados, dado que a relación de horas das mesmas se limita a sinalar o número de horas por cada efectivo, sen detallar os traballos realizados fóra da xornada laboral por cada un deles”. Recolle tamén que a prestación dos servizos por parte do persoal da Policía local e do servizo de extinción de incendios en festivos “xa estarían retribuídas a través do complemento específico, non sendo procedente o emprego dunha retribución considerada excepcional para a prestación de servizos se as xornadas entran dentro das ordinarias para estes colectivos (…) e non parece ser esa a situación que se describe nas relacións que se xuntan”.

Este é un problema estrutural e non conxuntural, explicou Goretti Sanmartín, “de feito o BNG leva facilitando en diversas ocasións que se aproben expedientes de pagamento de horas extras e advertindo de que había que corrixir algunhas situacións que se detallaban”. “Este é o momento de deterse e reflexionar sobre as advertencias de Intervención, darlle para diante ás horas extras ditaminadas e regularizar eses horarios con máis persoal”, engadiu.

O BNG reclama que se atenda o informe de Intervención e se xustifiquen todas as horas extra para o seu pagamento