TRANSPORTE
O BNG reclama que se arranxe, de urxencia, a falta de aire acondicionado nos autobuses urbanos
No interior dos autobuses hai unha carga térmica que incrementa en 5 graos a temperatura exterior e que aumenta canta máis pasaxe leven
Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2022.- O BNG recibiu queixas de numerosas persoas usuarias de autobuses urbanos pola incomodidade que supón que non funcione o aire acondicionado, o que entraña un grave problema especialmente durante a vaga de calor tanto para quen viaxa como para os condutores.
Segundo información recadada polo BNG, hai máis de 15 autobuses urbanos en Santiago de Compostela sen aire acondicionado. A iso engádese que no interior dos autobuses hai unha carga térmica que supón unha media de 5 graos superior á temperatura exterior, que se incrementa canta máis pasaxe leven, co que é frecuente que alcancen máis de 40 graos en días de verán.
“O Goberno local debe esixir que se arranxe, de urxencia, o problema da falta de aire acondicionado nos autobuses urbanos, para manter unha temperatura ambiental adecuada para as condicións laborais de persoas condutoras e para as persoas usuarias do transporte público, co fin de garantir a confortabilidade e de evitar golpes de calor”, indicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.
A falta de aire acondicionado súmase ao mal estado xeneralizado dos autobuses urbanos de Santiago de Compostela, que presentan vibracións, ruídos, ramplas que non funcionan e ventilación insuficiente, porque o Goberno local consente que sigan neste mal estado cando a empresa concesionaria debería poñer a punto a frota para ofrecer un servizo público de calidade.