RESIDUOS

Goretti Sanmartín advirte de que a falta de recursos técnicos e humanos da empresa Urbaser repercute na falta de limpeza

Colectores soterrados que non funcionan
Colectores soterrados que non funcionan

BNG e CA acompañaron o persoal de Urbaser no servizo de recollida nocturno e comprobaron in situ as deficiencias do servizo

Goretti Sanmartín advirte de que a falta de recursos técnicos e humanos da empresa Urbaser repercute na falta de limpeza

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, insiste en reclamar un seguimento estreito das condicións do contrato de Urbaser, xa que non dispón dos medios técnicos e materiais que figuraban no prego, o que repercute na falta de limpeza de Santiago de Compostela.

O comité de empresa do servizo de recollida e tratamento de lixo convidou os grupos municipais a realizar un percorrido por Santiago de Compostela para observar in situ os problemas fundamentais, de carácter estrutural, de falta de medios, de medios obsoletos e derivados da falta de recursos humanos que dificultan o seu labor no día a día e motivan que queiran esixirlle á empresa que cumpra o contrato e que poña os medios necesarios técnicos e de persoal para que teñamos unha cidade limpa.

Realmente, sobre moitas deficiencias estruturais, o BNG leva tempo a denunciar que a empresa debe ter por parte do Concello de Santiago un seguimento estreito de que se cumpran as condicións do prego, indicou.

“O primeiro que vimos é que había unha persoa asignada para varrer toda a zona histórica e o Ensanche na noite do venres para o sábado; unha única persoa encargada de manter limpa manualmente toda esa área e, evidente, que desde o punto de vista humano, os recursos son claramente insuficientes”, sinalou Goretti Sanmartín. Tamén explicaron que as máquinas fregadoras non teñen suficiente potencia e por iso, aínda que o persoal faga o seu traballo, non eliminan as manchas tan numerosas das lousas da zona histórica.

Ademais, comprobaron como os camións de recollida verten e deixan un regueiro líquido ao seu paso que acaba quedando na rúa, en zonas perigosas que poden provocar caídas á parte dos cheiros que desprenden e sucidade que xeran.

“Hai numerosos colectores soterrados cun mal funcionamento, algúns deles nin sequera abren e houbo que deixalos e avisar para que fosen arranxalos, outros son moi lentos, outros teñen pezas que non encaixan”, explicou. Precisan unha posta a punto para garantir o seu uso con normalidade e seguranza.

Destacou tamén a proliferación de bolsas depositadas fóra das bolsas dos colectores “que afean a imaxe da zona histórica e dificultan o traballo e dan boa conta da necesidade dunha campaña de sensibilización para a separación dos residuos e para o despósito nos colectores correspondentes e non no portal de cada casa ou local”.

En definitiva, o BNG entende que hai numerosos puntos do contrato que a empresa Urbaser non cumpre, entre eles, o número de efectivos, de máquinas varredoras e limpadoras, a frecuencia de lavado de contedores e as deficiencias dos materiais utilizados o que complica de maneira grave que a recollida de lixo sexa eficiente. “É algo que o persoal da empresa leva tempo a reclamar e co que o BNG se solidariza e esixe ao Goberno local que traballe de maneira rigorosa e intensa para darlle solución”, concluíu.

 

 

 

Goretti Sanmartín advirte de que a falta de recursos técnicos e humanos da empresa Urbaser repercute na falta de limpeza