LGBTI

O BNG reclama que se poñan en marcha os protocolos de axuda e investigación contra unha agresión LGBTIfóbica producida na rúa de San Pedro  

Navia Rivas
Navia Rivas

Navia Rivas demanda a apertura, de urxencia, do centro de asesoramento LGBTI aprobado en Pleno en maio de 2020

O BNG reclama que se poñan en marcha os protocolos de axuda e investigación contra unha agresión LGBTIfóbica producida na rúa de San Pedro  

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2021.- A concelleira do BNG de Santiago Navia Rivas, diante da agresión LGTBIfóbica acontecida o venres pasado na rúa de San Pedro, reclama que se poñan en marcha os protocolos de axuda e de investigación para atopar os que provocaron esta intimidación con uso de violencia física e verbal. Ademais, realizou un chamamento a participar na concentración convocada para este luns ás 20:00 horas na praza 8 de marzo en resposta ao asasinato de Samuel na cidade da Coruña.

Segundo a alerta dos colectivos LGBTI de Santiago de Compostela, na madrugada do venres produciuse unha agresión con intimidación a unha muller trans, con uso de violencia física e verbal, á altura do cruceiro da rúa de Pedro. Diversas persoas que presenciaron os feitos impediron que a agresión fose a máis e acompañaron as dúas mulleres á súa casa.

“Deste xeito, desde o BNG reclamamos que o Concello de Santiago poña en marcha o Centro de Asesoramento LGBTI que foi aprobado no Pleno de maio de 2020 para prestar servizo de axudar a tramitar axudas sociais, orientación laboral e a creación dun observatorio contra as violencias lgbtifóbicas, tendo en conta as dificultades que padece este colectivo”, afirmou Navia Rivas.

Entre as funcións deste centro prevíase a creación dun Observatorio municipal contra as violencias lgtbifóbicas, en coordinación con asociacións e policía local, xunto cun instrumento para denunciar e contabilizar casos de agresións.

“Urxe unha resposta social e institucional a este tipo de agresións para conseguirmos que Santiago de Compostela sexa unha cidade aberta, plural e respectuosa coa condición de xénero, o feminismo e a igualdade”, destacou.

O BNG reclama que se poñan en marcha os protocolos de axuda e investigación contra unha agresión LGBTIfóbica producida na rúa de San Pedro