PLENO
Navia Rivas propón que se pinten pasos de peóns entre os estabelecementos comerciais do Polígono de Costa Vella
O BNG reclama diversas medidas para mellorar a mobilidade nesta área como a regulación dos accesos, a conservación das beirarrúas e os pasos de peóns
Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2021.- O grupo municipal do BNG trasladará ao Pleno a necesidade de mellorar os accesos ao Polígono de Costa Vella e o tránsito a pé dun estabelecemento comercial a outro mediante a conexión por pasos de peóns.
Segundo explicou a concelleira Navia Rivas, “o BNG recibiu queixas da falta de espazos para o tránsito peonil entre as superficies comerciais instaladas no Polígono de Costa Vella”.
“De feito, para ir dun local comercial ao outro situado nas inmediacións non hai pasos de peóns que os unan e faciliten os desprazamentos a pé sen necesidade de ir en coche dun a outro”, explicou.
A isto súmase o mal estado de conservación de beirarrúas, en diversos lugares con vexetación abundante, que dificulta o tránsito neste polígono.
Deste xeito, o BNG trasladará ao Pleno unha iniciativa para mellorar e regular os accesos ao Polígono de Costa Vella, xunto coa elaboración dun estudo e posterior pintado de pasos de peóns que conecten os locais comerciais desta área para facilitar o tránsito peonil.