ENERXÍA

O BNG de Santiago recolle sinaturas contra a suba do prezo da luz

Recollida de sinaturas
Recollida de sinaturas

Reclama a baixada do IVE ao 4%, a modificación da Lei do Sector eléctrico e unha tarifa eléctrica galega para compensar os territorios produtores de enerxía

O BNG de Santiago recolle sinaturas contra a suba do prezo da luz

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2021.- O BNG de Santiago de Compostela emprendeu unha campaña de recollida de sinaturas contra a suba da luz. “É unha campaña que ten gran receptividade, con moita xente que se achega para conseguir información e que quere saber cales son as propostas do BNG para que se abarate o prezo da luz”, explicou Goretti Sanmartín en declaracións aos medios de comunicación.

“Vemos como se incrementa esa factura da luz de maneira absolutamente desproporcionada e inxusta para a economía doméstica e das empresas nun país como Galiza que, ademais, é excedentario en produción eléctrica”, sinalou. “Por iso hai que poñerlle un freo tamén para conseguir que haxa empresas que queiran instalarse no noso país e que poidan ter uns beneficios claros por ser produtores de enerxía”, engadiu Goretti Sanmartín.

Pola súa parte, a deputada parlamentar Iria Carreira, indicou que desde o BNG se trasladaron ás institucións do Concello de Santiago e do Parlamento iniciativas neste sentido, “para que se rebaixe a toda a poboación a factura da luz”.

“No caso do Parlamento galego presentamos iniciativas concretas para demandar que a Xunta de Galiza solicite do Goberno do Estado a baixada do IVE da factura ao 4% co tipo superreducido por se tratar dun ben básico”, indicou.

“Tamén trasladamos a petición dunha tarifa eléctrica galega porque Galiza é un territorio excedentario na produción de enerxía mais que non se repercute no abaratamento da factura de todos e todas as galegas, como existe noutros países da Unión Europea que diferencian entre territorios produtores de enerxía e consumidores, porque é unha medida de xustiza e que pode axudar ao tecido empresarial e industrial nun momento de crise económica”, explicou a deputada.

Na mesa informativa instalada este mércores na praza do Toural estiveron Goretti Sanmartín e Navia Rivas, concelleiras do BNG de Santiago; Iria Carreira, deputada no Parlamento; e Xesús Domínguez, responsábel local do BNG, entre outras persoas da organización nacionalista. O xoves 8 de xullo a recollida de sinaturas será na praza Roxa en horario de tarde e logo levará esta campaña aos barrios.

 

O BNG de Santiago recolle sinaturas contra a suba do prezo da luz