TRANSPORTE

O BNG reclama que se manteña a gratuidade do bonobús para persoas maiores e propón que se amplíe a desempregados/as

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Goretti Sanmartín cualifica de “aberración” a suba prevista dun 165% do billete mensual, que pasará de 26 a 69 céntimos de euros

O BNG reclama que se manteña a gratuidade do bonobús para persoas maiores e propón que se amplíe a desempregados/as

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2021.- O BNG estima que o Concello de Santiago debe manter o bonobús de balde para as persoas maiores e facer un cálculo das viaxes realizadas cada mes para liquidar coa empresa concesionaria en función do gasto real producido. “No BNG non estamos a favor de que recorten o número de viaxes do bonobús para persoas maiores e pensionistas”, afirmou Goretti Sanmartín.

Na actualidade, as persoas maiores de 65 anos e pensionistas que o solicitan dispoñen dun bonobús con 100 viaxes mensuais mais, coa nova estrutura de custes para a licitación do novo contrato de transporte público, o Goberno local prevé recortar a 100 viaxes anuais de balde por persoa usuaria neste rango de idade.

O BNG tamén está en contra da suba de 60 a 88 céntimos para as persoas que utilizan a tarxeta de transporte e da suba de 26 a 69 céntimos para o abono mensual, tendo en conta que son utilizados, fundamentalmente, pola clase traballadora. “Unha cousa é que poida subir 5 céntimos para actualizar os prezos e outra é encarecelo cunha suba que chega ao 165%; iso é unha aberración”, destacou Goretti Sanmartín.

Posición antisocial do PSOE

A portavoz do BNG no pazo de Raxoi anunciou tamén que aposta por introducir novas bonificacións para persoas desempregadas de longa duración. De feito, o BNG xa trasladara unha iniciativa nese sentido ao Pleno ante a demanda crecente dun bonobús dirixido a persoas desempregadas de longa duración “que lles permita utilizar este servizo de transporte público de xeito gratuíto, como unha medida que mesmo pode contribuír a estimular a busca activa dun posto de traballo e a desenvolver a súa vida persoal con maior facilidade”.

Esta medida que propón o BNG pode contribuír a favorecer o uso do transporte público como un medio que goza de vantaxes sociais, económicas e ambientais, ademais de ser un elemento vertebrador do territorio que mellora a mobilidade e a seguranza viaria da nosa cidade.

“Pola contra, o Goberno local do PSOE co novo prego de transporte adopta unha posición antisocial ao dificultar o uso do transporte público mediante un encarecemento do prezo do bonobús, nun momento de crise económica especialmente duro para a veciñanza compostelá”, advertiu Goretti Sanmartín.

 

 

O BNG reclama que se manteña a gratuidade do bonobús para persoas maiores e propón que se amplíe a desempregados/as