PLENO
O BNG reclámalle ao Goberno local que cumpra os requirimentos da Comisión de Patrimonio para instalar novos aseos públicos
Goretti Sanmartín cuestiona a falta de previsión ao facer as obras en plena tempada turística
Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2021.- O BNG trasladará ao Pleno unha pregunta sobre a falta de informes da Comisión de Patrimonio que son preceptivos para o proxecto de instalación de aseos públicos na avenida de Raxoi.
“Para o BNG, o Goberno local debería dar exemplo e cumprir cos trámites de patrimonio, igual que se lle esixe á veciñanza cando quere facer unha obra ou unha modificación de uso dun local na Cidade histórica”, advertiu Goretti Sanmartín, portavoz municipal. De feito, no proxecto detállase que esta actuación deberá contar con sondaxes arqueolóxicas antes do inicio das obras de construción dos novos aseos e as obras de escavación a realizar na praza do Obradoiro e na avenida de Raxoi serán obxecto de control arqueolóxico. Para iso requiren autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
A Xunta de Goberno de 26 de abril de 2021 aprobou o expediente, gasto e apertura de procedemento do proxecto de novos aseos públicos na avenida de Raxoi, cun orzamento de 208.817,86 euros (IVE incluído), despois de que fose aprobado o proxecto en novembro de 2020, tamén en Xunta de Goberno.
“Houbo tempo suficiente para trasladar á Comisión de Patrimonio este proxecto que, como se require na licitación, debe contar con sondaxes e supervisión arqueolóxica”, explicou Goretti Sanmartín. “Así, desde o BNG preguntaremos no Pleno cales foron os motivos para incumprir o procedemento tendo en conta que é un lugar patrimonial sensíbel para facer esta obra”, engadiu.
Este proxecto, ademais, está a causar malestar entre a veciñanza e os locais hostaleiros da zona ao considerar que os aseos que están na outra marxe do pazo de Raxoi non están debidamente sinalizados. O BNG coincide en que o emprazamento destes novos aseos para turistas non é o máis adecuado ao incumprir as condicións de accesibilidade e de protección patrimonial.
Ademais, cómpre ter en conta que o prazo de execución da obra é de 5 meses coa posibilidade de pactos para novos prazos, entre o Concello e a empresa, en caso de atrasos na execución por falta de dispoñibilidade da totalidade do ámbito de intervención causada polo servizo de tráfico ou calquera outra condición allea á empresa que xustifique unha prolongación da execución do contrato.
“Isto débese á falta de previsión do Goberno local, que non acompasa os tempos cos proxectos, cando vai ter esa zona tan visitada en obras no período de máis afluencia de visitantes e mesmo pode causar danos económicos aos locais alí instalados”, concluíu.