PLENO

Goretti Sanmartín presenta unha iniciativa para transformar a avenida urbana do Restollal e mellorar a mobilidade no Castiñeiriño

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

O BNG mantivo unha reunión coa veciñanza do Castiñeiriño, moi afectada polos problemas de tráfico derivados das obras da estación intermodal

Goretti Sanmartín presenta unha iniciativa para transformar a avenida urbana do Restollal e mellorar a mobilidade no Castiñeiriño

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou unha proposición que trasladará ao Pleno encargar e aprobar un proxecto destinado á humanización da rúa do Restollal e de Amor Ruibal, na Pontepedriña, co obxectivo de que se transformen nunha avenida urbana e cun carril para bicicletas, con continuidade en Clara Campoamor e que debería logo ter a súa ampliación cara as Fontiñas co fin de facilitar a mobilidade e a accesibilidade.

“Esta iniciativa ten que ver con deficiencias nos barrios que detectamos e que suscitan moitas queixas polo abandono que sofren por este Goberno municipal”, explicou Goretti Sanmartín en rolda de prensa, “e algúns están especialmente castigados por obras ou infraestruturas que lles causan distintos problemas, polo que desde o BNG consideramos que deben ter a súa compensación nun investimento especial”.

Segundo trasladou a veciñanza nunha reunión co BNG, na zona do Restollal, no Castiñeiriño, están a sufrir as consecuencias desde a inauguración da nova estación de autobuses, onde se farán as obras da seguinte fase da intermodal e que traen problemas de circulación, de tráfico e de incremento de vehículos que é unha problemática xeral para a veciñanza deste barrio.

Por iso considera que é urxente que se comece a facer un proxecto “para conseguir unha humanización da zona do Restollal para completar o espazo de Clara Campoamor e contribuír a que o barrio estea máis vertebrado e se reduzan os problemas derivados de inseguranza cidadá que provoca numerosos atropelos nesa área”, explicou.

Lembrou que debe concretarse este compromiso “porque foi unha promesa do alcalde coa veciñanza do Castiñeiriño, en campaña electoral, para humanizar esa zona do Restollal, Amor Ruibal e a Pontepedriña para transformar este barrio cun obxectivo que desde o BNG sempre defendemos: conformar unha vía urbana con carril para bicicletas tanto de subida como de baixada, cunha redución de catro a dous carrís de circulación para vehículos, cun deseño renovado de mobilidade que prime a accesibilidade e a humanización”.

Este proxecto debe intentar articular eses polígonos onde hai máis de 2.000 vivendas construídas nas dúas marxes e conseguir que a redución de tráfico non se faga a costa dun radar. Así, defendeu que ten que ir acompañada da humanización da zona onde se prime a mobilidade máis sustentábel a pé e en bicicleta, intentando que os coches vaian por Santiago de Cuba. Despois de dous anos de mandato, non se fixo nada das promesas electorais do PSOE coa veciñanza do Castiñeiriño.

 

Goretti Sanmartín presenta unha iniciativa para transformar a avenida urbana do Restollal e mellorar a mobilidade no Castiñeiriño