O BNG reclama unha solución ás deficiencias do aeroporto de Lavacolla
Existen problemas derivados dun mal deseño que lle afecta á operatividade das conexións internacionais
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2015.- O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego rexistrou unha iniciativa no Congreso e outra no Concello de Santiago destinadas a solucionar as deficiencias existentes na infraestrutura da nova terminal do aeroporto de Lavacolla como a presenza de pingueiras no teito, ademais de solventar o problema de falta de operatividade cando conflúen avións internacionais para evitar os colapsos nos controis que causan atrasos na coincidencia dos voos, entre outras medidas.
Segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, o BNG sempre se interesou polas repercusións do aeroporto de Lavacolla no ámbito económico da cidade e do país, de aí as numerosas iniciativas defendidas pola reclamar un mapa de rutas e as competencias en materia aeroportuaria. Agora se engaden as deficiencias físicas da nova terminal, que levou a manter un encontro da deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez e do portavoz municipal do BNG de Santiago con representantes sindicais e persoal do aeroporto, para obter unha visión global dos problemas concretos dos que agora damos traslado a través dunha Proposición Non de Lei que se debaterá na Comisión de Fomento.
Para o BNG, non é razoábel que despois de investir 200 millóns de euros nesta infraestrutura teña deficiencias como filtracións de auga despois de chover que deben atallar con baldes ante os problemas de seguridade para as persoas que transitan e de imaxe ao ser porta de entrada da cidade para milleiros de visitantes.
Segundo explicou Rubén Cela, tamén existen problemas derivados dun mal deseño que lle afecta á operatividade das conexións internacionais no control dos pasaportes, pese a que está moi por debaixo da capacidade real de funcionamento (prevista para 4,5 millóns de pasaxeiros anuais e está estancado en 2 millóns). Vívense momentos de colapso cando chegan dous avións internacionais ao mesmo tempo e necesitan control de pasaportes, por un mal deseño da organización do acceso, explicou.
Na nova torre existen máis problemas de visibilidade que na vella terminal, o que denominan zonas escuras, explicou, que prexudican o labor dos controladores aéreos e, polo tanto, a seguridade das persoas usuarias. Tamén reclamaron a solución de problemas de índole laboral, como a falta de persoal sanitario e outras consecuencias da privatización de AENA con respecto a servizos que prestaban os propios traballadores e traballadoras. Reivindicaron ademais un plan de usos da vella terminal, ante a situación de deterioro que padece e que se agrava co tempo mentres non se interveña alí.