O BNG reproba “por ética política” que a Xunta de Goberno aprobase pagar a defensa dun edil imputado

O BNG reproba “por ética política” que a Xunta de Goberno aprobase pagar a defensa dun edil imputado

O auto xudicial expón que a ilegalidade do acordo da Xunta de Goberno parece “evidente, patente, flagrante e clamorosa”

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2013.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, manifestou perante a declaración de sete membros do Goberno local do PP en calidade de imputados por suposta prevaricación que “o problema non é exclusiva nin principalmente legal, é de orde ética e política”.

Rubén Cela cuestionou que despois “da enorme alarma social creada pola implicación do Goberno de Santiago na Operación Pokemon, da desfeita que provocaron e do dano que lle fan á imaxe de Santiago e á credibilidade deste Concello como institución” ao aprobaren en Xunta de Goberno que “cos cartos dos impostos dos veciños e das veciñas de Santiago se lle tivese que pagar a defensa dun concelleiro imputado, nada máis e nada menos, que por falsidade documental, tráfico de influencias e suborno”.

Argumentou tamén que a mellor mostra de que este feito “non é aceptábel en termos éticos nin políticos é que retiraron a proposta ante a presión política e social”.

Esta é a enésima demostración de que se trata dun equipo que está “absolutamente deslexitimado e incapacitado para seguir gobernando Santiago de Compostela”, afirmou. “Este Goberno non só é o peor da historia democrática de Santiago, senón que o PP está a ser a organización política que máis prexuízos lle ten provocado a Compostela”, engadiu.

Desde unha perspectiva legal, explicou, está en mans da Xustiza determinar se o que se fixo está ben ou mal feito e que consecuencias se poden derivar do mesmo. Agora ben, dixo, xa no auto de imputación se apuntan tres cousas clarificadoras:

1. A ilegalidade do acordo parece, como se esixe xurisprudencialmente, evidente, patente, flagrante e clamorosa.

2. Que se actúa contra o informe emitido polo secretario no sentido de que a conclusión do mesmo é que “resulta conforme a Dereito o acordo municipal que aprobe asumir con cargo ao Orzamento municipal os gastos de representación e defensa procesual nos que incorran os membros da Corporación polo exercicio das súas funcións, sempre que se dean os requisitos fixados pola sentenza do Tribunal Supremo de 4 de febreiro de 2002”. Estes requisitos son que a petición fose en exercicio lícito do cargo e que o edil imputado resultara absolto. Polo tipo de presuntos delitos que se lle imputan de falsidade documental, tráfico de influencias e suborno “non parecen ser as propias do exercicio lícito do seu cargo, senón do contrario”, expresou, “e a absolución, de ser así, aínda non se produciu”.

3. Dá igual que non se chegara a materializar o acordo da Xunta de Goberno, o delito existe igualmente por adoptar tal acordo.

O BNG reproba “por ética política” que a Xunta de Goberno aprobase pagar a defensa dun edil imputado