O BNG require que se fomente o uso da linguaxe inclusiva na web institucional e na documentación
Tradicionalmente quedou relegada a presenza das mulleres en moitos ámbitos e unha mostra máis é a propia comunicación
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2016.- A concelleira do grupo municipal do BNG Goretti Sanmartín Rei trasladou ao Pleno do Concello de Santiago unha iniciativa para fomentar a utilización da linguaxe inclusiva na web institucional e na documentación municipal.
Para Goretti Sanmartín Rei, as administracións públicas, se quixeren representar valores de conquistas sociais deben ser pioneiras na transformación do uso das palabras para axustalas a unha percepción inclusiva das persoas. Así, tanto a web institucional como a documentación municipal deben tender a normalizar o uso da linguaxe inclusiva para reflectir tanto o masculino como o feminino, posto que tradicionalmente quedou relegada a presenza das mulleres en moitos ámbitos e unha mostra máis é a propia comunicación.
A lingua evolúe aínda que adopta estruturas, formas e métodos doutra época que debemos deixar atrás se quixermos que o feminismo e a igualdade avancen, indicou. O masculino singular non é neutro, iso constitúe unha posición anacrónica, expón o escrito rexistrado, e do mesmo xeito que se conseguiron acuñar nomes femininos que non existían para determinadas profesións, por exemplo, aínda perduran nos usos lingüísticos vestixios machistas que cómpre afastar se pulamos por unhas relacións humanas máis igualitarias e positivas.