CORONAVIRUS
O BNG reúnese coa Asociación Hostalaría Compostela e traslada as súas peticións ao Pleno de xaneiro
Propón que se amplíe o prazo de incremento de uso de espazo para terrazas despois do 5 abril tendo en conta a situación epidemiolóxica e a continuidade das restricións derivadas das medidas preventivas da covid-19 que seguen a limitar os aforos e horarios en bares, restaurantes e cafetarías
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2021.- O grupo municipal do BNG mantivo unha reunión con representantes da Asociación Hostalaría Compostela para coñecer de primeira man as necesidades actuais deste sector ante as dificultades que supón a aplicación das restricións derivadas da prevención epidemiolóxica e para buscar medidas de apoio á súa actividade. Deste xeito, o BNG trasladará ao Pleno unha iniciativa para estender o prazo de incremento de espazo para uso de terrazas máis alá do 5 de abril e para coñecer, con exactitude, a cantidade orzamentaria que ten previsto habilitar o Concello para novas axudas ao sector hostaleiro en 2021.
No encontro participaron as concelleiras Goretti Sanmartín e Navia Rivas por parte do BNG e Sara Santos e Sergio Fernández por parte de Hostalaría Compostela.
O sector hostaleiro é un dos máis afectados pola pandemia da covid-19, por mor das consecuencias das medidas de prevención adoptadas no relativo ás restricións de aforos e de horarios en bares, restaurantes e cafetarías. O BNG defende que, ademais da aprobación da exención da taxa de terrazas para 2021, nun acordo plenario adoptado o 9/11/2020, cómpre seguir a colaborar por parte das administracións para apoiar estes negocios.
De feito, o 5/04/2021 conclúe o prazo habilitado desde o 23/10/2020 para que bares, restaurantes e cafetarías poidan usar un espazo ampliado e mesmo poñer terrazas en prazas de aparcadoiro situadas nas inmediacións dos estabelecementos.
Por estes motivos, o BNG reclamará no Pleno que se amplíe este prazo de uso de espazo para terrazas, despois do 5 abril de 2021, tendo en conta a situación epidemiolóxica e a continuidade das restricións derivadas das medidas preventivas da covid-19 que seguen a limitar os aforos e horarios na hostalaría.
Ademais, o grupo nacionalista preguntará cal é a cantidade orzamentaria que ten previsto habilitar o Goberno local para novas axudas ao sector hostaleiro en 2021, sen ter en conta as partidas destinadas a este fin en 2020 e que aínda non se outorgaron ás empresas afectadas.