PLENO

O BNG traslada ao Pleno unha moción para conseguir a continuidade do persoal da liña do transporte do aeroporto e a mellora deste servizo para a veciñanza

Navia Rivas e Paulo Ríos na concentración
Navia Rivas e Paulo Ríos na concentración

Navia Rivas e Paulo Ríos participaron no acto de apoio aos condutores que quedaron sen contrato co cambio da empresa de autobuses

O BNG traslada ao Pleno unha moción para conseguir a continuidade do persoal da liña do transporte do aeroporto e a mellora deste servizo para a veciñanza

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2021.- O BNG trasladará ao Pleno unha moción para que o Concello de Santiago actúe de mediador para conseguir a continuidade do persoal da liña de transporte ao aeroporto e a mellora da prestación deste servizo para a veciñanza da Lavacolla. A concelleira Navia Rivas e o deputado Paulo Ríos asistiron esta mañá á concentración en apoio aos nove traballadores que cubrían este traxecto.

A xestión da liña Santiago-Aeroporto foi solicitada polo Concello de Santiago en 2018 e, por tanto, non foi licitada nos contratos do Plan de Transporte Público de Galiza. Porén, o Concello de Santiago que tiña que se facer cargo deste servizo e incluílo no prego do concurso do transporte urbano, aínda non realizou a licitación pública deste procedemento e deixou sen subrogar os traballadores desta liña cando asumiu este servizo. Non foi este un procedemento de que o Concello tivese coñecemento repentinamente e xa o 19 de xuño de 2019 o propio alcalde recoñecía nun medio de comunicación que lle trasladaran a obriga de subrogar este persoal. Mais o tempo foi pasando e o Concello desentendeuse deste problema.

A Xunta de Goberno local adoptou o acordo con data 18/12/2020 de ordenarlle á actual concesionaria do transporte colectivo urbano de viaxeiros/as (UTE Trapsa-Aulusa) que desde o 23 de decembro de 2020 e até a adxudicación do novo contrato do servizo realice a prestación desta liña ao aeroporto de Santiago, integrando este percorrido na actual liña de transporte urbano (San Marcos-Os Tilos).

Deste xeito, desde o pasado 22 de decembro de 2020 os condutores da liña de transporte público colectivo Santiago-Aeroporto-Santiago que antes formaba parte do lote "Lugo-Santiago, con anexos" a cargo da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade padecen un grave problema laboral. Así, as 9 persoas afectadas non dispoñen da carta de despedimento, ao teren dereito á subrogación, polo que non poden cobrar a prestación social a curto prazo.

A isto súmanse as queixas da veciñanza da Lavacolla, que viu deteriorada a calidade deste servizo público ao non contar con boas prestacións pola substitución da frecuencia dos autobuses, ao ir cheos de equipaxe e mesmo ao non realizar as paradas oportunas cando vai cargado de persoas pasaxeiras do aeroporto en determinados horarios, posto que non se poñen reforzos para atender a veciñanza.

Deste xeito, grupo municipal do BNG solicitará do Pleno da Corporación municipal a adopción cun acordo para que o Concello de Santiago medie para conseguir a continuidade dos condutores na liña Santiago-Aeroporto e a mellora na prestación deste servizo de transporte público que tamén afecta á veciñanza da Lavacolla e buscará medidas legais a fin de que na licitación do contrato do transporte urbano se garanta o dereito á subrogación deste traballadores/as.

Ademais, dadas as queixas da veciñanza por atrasos, duración das expedicións e mal estado e condicións dos autobuses, o BNG propón abrir un expediente urxente para avaliar a calidade do servizo que se presta na actualidade.

O BNG traslada ao Pleno unha moción para conseguir a continuidade do persoal da liña do transporte do aeroporto e a mellora deste servizo para a veciñanza