O BNG de Santiago considera que este é o momento para diversificar a economía local e reducir a dependencia do turismo
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2020.- O grupo municipal do BNG de Santiago estima que este é o momento propicio para apostar pola diversificación económica e reducir a dependencia do turismo e, para iso, reclama a implicación das administracións. Para Goretti Sanmartín, o Concello de Santiago “ten que ser capaz de pensar a medio prazo, a curto prazo por suposto que hai que axudar o sector turístico e buscar novas sinerxías co ámbito cultural e ambiental”, mais tamén é imprescindíbel que a economía local se enfoque cara á “diversificación de actividades e á reindustrialización”.
Xa o BNG reclamou con anterioridade en reiteradas ocasións “a necesidade de reorientar esta dependencia do sector turístico”, que representa arredor do 20% do PIB en Santiago e numerosos postos de traballo directos e indirectos marcados pola súa temporalidade. “Isto agrávase ante unha crise destas características, onde non é posíbel realizar as principais actividades de visitar a Catedral e a Cidade histórica, que é como se non existisen e desaparecese por un tempo, ao estar centrada unha parte moi importante da economía neste reclamo”, explicou.
Traballar a dúas velocidades
Santiago xa tiña que estar preparado desde o punto de vista do tecido económico na súa diversificación de actividade, por iso cómpre traballar a dúas velocidades: no curto prazo cun plan de reactivación e a medio prazo na aposta pola diversificación.
“A curto prazo preocúpannos os despedimentos, a precariedade laboral e a necesidade de reorientar os negocios; mais a medio prazo Santiago ten que facer cambios para a reestruturación económica de tal maneira que se diversifique e se recuperen sectores fundamentais como o agrícola, gandeiro, investigación e industrialización”, explicou.
Reorientar o turismo e a programación do Xacobeo
Sobre a necesidade de reorientar o turismo e a programación do Xacobeo, o BNG aposta por un plan, dialogado co sector, para a difusión de paquetes de viaxes que inclúan noites de hotel, comidas, espectáculos, roteiros guiados e visitas a museos e espazos naturais, para procurar un turismo de calidade de especialización temática e non de masificación.
Ademais, Goretti Sanmartín propón crear a SantiagoCard, unha tarxeta que promova visitas a museos, actividades culturais, uso do transporte público e tren turístico. Para iso, é necesario que traballen de xeito coordinado as áreas de Turismo, Cultura, Parques e Xardíns de cara a idear eses paquetes especializados tanto por segmentos de idade como por intereses, explicou a portavoz municipal do BNG.
En canto ao Xacobeo, o BNG propón que a contratación cultural sexa dun 90% do orzamento a artistas de Galiza para apoiar este sector e súa proxección internacional. O BNG reclama tamén a implicación de todas as administracións para incrementar a asignación económica para o Consorcio da Cidade.