Goretti Sanmartín, no Pleno: “Non se incluíron no paquete de medidas fiscais necesidades de comercio e hostalaría”
Cuestionou que nesta situación de emerxencia non se procurase o consenso co resto dos grupos municipais e cos sectores afectados
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2020.- “O BNG considera que a fiscalización do diñeiro público é un asunto importante e onde debemos manter sempre a máxima transparencia”, así o expresou Goretti Sanmartín no Pleno de aprobación de modificación de ordenanzas fiscais e das bases de execución do Orzamento 2020, ante as medidas adoptadas pola pandemia do covid-19. O BNG abstívose na votación porque non se incluíron neste paquete de medidas fiscais boa parte das necesidades presentadas por representantes da hostalaría e do comercio.
“O BNG coincide co Goberno local no aprazamento da data de impostos, na redución do importe mínimo da débeda para solicitar fraccionamentos de pago ou a lóxica compensación por unha ocupación de dominio público que non se produciu no caso das terrazas”, que van encamiñadas a paliar as consecuencias da pandemia: persoas que sufriron despedimentos, ERTE, que non teñen recursos económicos, que tiveron que pechar negocios, o mundo da cultura, o sector comercial e o turístico, entre outros.
“Mais parécennos medidas insuficientes, como o Plan de reactivación económica que aprobou o Goberno local sen consenso dos grupos municipais e dos sectores afectados, cando todos os anos se deixan importantes cantidades sen executar e hai superávit”, explicou. Así, destacou que poñen como escusa que o Concello non pode deixar de ter ingresos, fronte aos datos das liquidacións dos últimos anos e que, na última, de 2019 van na mesma liña. “O Concello deixa sen gastar 11 millóns de euros, un superávit que, si ou si, hai que investir na recuperación económica e nas axudas sociais precisas”, afirmou Goretti Sanmartín.
Mais bota en falta aproveitar este momento para adoptar “unha medida social que o BNG leva tempo a reclamar, a dispoñibilidade de pagar os impostos á carta”, cun fraccionamento en tres ou 12 meses que suporía un alivio na economía dos fogares.
O BNG defende que non se cobren os impostos de terrazas durante a tempada e que se reduza a parte proporcional segundo os novos aforos que se determine. Ademais, reclamou fórmulas que fixesen factíbel a compensación da totalidade do recibo do lixo e non só a parte variábel naqueles locais obrigados a pechar durante o Estado de Alarma, ademais de facer efectivo o compromiso dunha declaración institucional para solicitar do Goberno do Estado que se atrasen as rebaixas “mentres non se modifica un marco legal que afoga o pequeno comercio”. Cuestionou tamén que non se procurase o consenso no Plan de reactivación económica, para o que o BNG fixo unha serie de propostas que non se recolleron, ademais de non contar por parte do Goberno local cos sectores de comercio e hostalaría na súa elaboración.
En canto ao punto para a modificación das Bases de Execución do Orzamento, para a portavoz do BNG no pazo de Raxoi, “o sistema para traballar contra a pobreza e a exclusión social ten que ser outro e abordarse tanto con políticas sociais regularizadas e ordenadas normativamente, como desde a perspectiva da promoción do emprego e a loita contra a precariedade”, xa que se pode entender unha reducida situación excepcional ligada ao estado de alarma mais non que se converta en algo estrutural ligado ás Bases de Execución do Orzamento para todo 2020, manifestou.