SANIDADE
O BNG traslada ao Parlamento a necesidade de rehabilitar de urxencia o Hospital Gil Casares, en Santiago de Compostela
Resulta evidente o abandono deste centro por parte da Xunta e da Xerencia do Sergas
Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2023.- O BNG rexistrou diversas iniciativas no Parlamento para instar a Xunta de Galiza a acometer as actuacións precisas para a rehabilitación e recuperación do Hospital Gil Casares, co fin de garantir o bo estado da infraestrutura e posibilitar, deste xeito, o seu uso como unidade de hospitalización ou de consultas externas, segundo as necesidades existentes no CHUS.
Segundo explicou a deputada Iria Carreira, o Hospital Gil Casares construído a comezos do século XX “atópase a día de hoxe nun estado ruinoso”. Despois de múltiples propostas para dotalo de novos usos e dun paulatino proceso de perda de servizos, profesionais e pacientes, na actualidade este centro aínda alberga consultas e despachos, así como unidades de hospitalización.
Durante anos, por parte da Xunta negáronse reformas e melloras claramente necesarias baixo diferentes pretextos atendendo a eses proxectos de diferentes usos. “Tras todo ese desleixo, contamos cun hospital nun estado claramente ruinoso, con humidades, fiestras en mal estado, problemas no solo, na calefacción e nos aseos das habitacións, chegando a presentar áreas que levan tempo apuntaladas”, sinalou. “Sen ir máis lonxe, o pasado 9 de maio saltou a noticia do completo desprendemento do teito dun dos cuartos de hospitalización que estaban en uso, coa fortuna de que a persoa que o ocupaba non chegou a sufrir ningún dano”, engadiu. Mais recentemente, o 6 de xullo, volveu acontecer un suceso similar, co desprendemento de parte do teito dun cuarto sobre unha persoa que estaba ingresada.
Resulta evidente o estado de completo abandono que a Xerencia de Santiago de Compostela ten sobre este centro, no que se acumulan décadas de desleixo e falta de actuacións. “Ademais das importantes consecuencias físicas que ten este abandono para pacientes e persoal, con riscos evidentes para a súa integridade, tamén ten impacto sobre a súa saúde mental e emocional”, explicou a deputada.
Ademais, nun contexto evidente de falta de camas na área sanitaria, con pacientes que agardan horas en urxencias para poderen ingresar nunha planta de hospitalización resulta contraditorio manter nestas condicións ruinosas o Hospital Gil Casares. A isto engádese o peche decretado por parte da Xerencia da área sanitaria, a pesar das importantes listas de espera existentes a día de hoxe na sanidade pública.