O BNG traslada ao Pleno unha moción para realizar actividades sobre a obra e o compromiso de Rosalía
Outras das iniciativas van destinadas a mellorar a iluminación pública, a converter as Hortas nun gran parque público con leiras urbanas e a constituír a Comisión de Participación, Igualdade e Patrimonio
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2016.- A concelleira Goretti Sanmartín defendeu no Pleno unha moción para que o Concello de Santiago organice e apoie actividades para divulgar a obra da escritora Rosalía de Castro co fin de implicar a veciñanza de Compostela. Entre outras, propón pendurar nos balcóns das vivendas e das institucións bandeiras galegas, pancartas con versos de Rosalía debuxados, procurar espazos para realizar murais, realizar lecturas públicas da obra rosaliana, música, teatro, literatura ou danza, así como seminarios, mesas redondas e conferencias. Aprobouse cos votos de BNG, CA e PSOE e a abstención do PP.
Outra das iniciativas que trasladou o BNG ao Pleno de xaneiro é relativa á necesidade de ampliar, mellorar e modernizar a rede de iluminación pública. Para iso propón que o Goberno local elabore un plan para ampliar e modernizar a rede de iluminación pública, inste á empresa encargada do mantemento da iluminación pública a que mellore a rede para evitar as avarías continuas nos espazos públicos e, finalmente, que estude a posibilidade de solicitar unha partida económica con cargo ao programa do Goberno español de axuda da mellora da iluminación exterior. Aprobouse por unanimidade.
Unha das mocións foi destinada a converter as Hortas en parque urbano compatíbel co uso agrícola tradicional de hortas de carácter público. En concreto, para o BNG trátase dun lugar emblemático de superficie agraria útil que cómpre poñer a producir ao tempo que se transforma nun gran parque, de dimensións superiores á praza do Obradoiro, para o goce da veciñanza e das persoas que visitan a cidade. Aprobouse por unanimidade.
Ademais, o grupo municipal do BNG defendeu unha iniciativa para constituír de urxencia a Comisión de Participación, Igualdade e Transparencia aprobada en sesión plenaria do 6 de xullo de 2015 e que aínda non se reuniu no presente mandato. Aprobouse por unanimidade.
Aceptouse tamén o rogo para arranxar o sistema de calefacción do Centro Sociocultural de Santa Marta, que dificulta o desenvolvemento de actividades segundo queixas que trasladaron persoas usuarias ao grupo municipal do BNG.