Santiago é a única cidade galega que 5 meses após o inicio do curso non ten contratados os comedores
Non é correcto que o criterio prioritario de valoración sexa o económico nun servizo tan sensíbel coma este, afirma Rubén Cela
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, acusou de falta de información ao Goberno local de Martiño Noriega no proceso de contratación dos comedores escolares. O feito obxectivo, dixo, é que 5 meses despois do inicio do curso escolar, Santiago de Compostela é a única cidade galega que non ten adxudicada a contratación dos comedores escolares.
Despois de todo o que aconteceu, o mínimo sería manter informados os grupos municipais dos pasos que está a dar o Goberno municipal, explicou. Así, o BNG rexistrou unha pregunta para saber a quen se lle contratou o estudo económico, canto custou e por que non o fixeron os servizos municipais.
A falta de transparencia esténdese ao feito de tampouco proporcionar información sobre as empresas que convidou o Concello. A isto se engade o feito de que o Goberno local está a incumprir o acordo plenario de novembro de 2015 a raíz dunha iniciativa do BNG para publicar estas licitacións no Perfil do Contratante da web municipal, co obxectivo de garantir maior publicidade, concorrencia e transparencia.
Deste xeito, para Rubén Cela o tempo puxo a todo o mundo no seu sitio: demostrouse que cando o BNG advertiu un problema nos pregos de contratación non era por poñer paus na roda como se chegou a insinuar por parte do Goberno local, senón porque había un problema evidente que pretendían obviar.
Destacou tamén que a raíz das informacións publicadas na prensa, tendo en conta que esta documentación aínda non é accesíbel para os grupos da oposición, o almorzo pasa de 1,85 a 1,92 euros e o xantar de 4,13 a 5,18 euros o que supón un incremento superior ao 25%. Rubén Cela subliñou, así mesmo, que non é correcto que o criterio prioritario de valoración sexa o económico nun servizo tan sensíbel coma este.
Así, fixo un chamamento ao Goberno local a sentar coas ANPAS e demais membros da comunidade educativa de cara a estudar en profundidade as diferentes alternativas, para que algo así non se volva producir, sen descartar unha xestión por parte da Xunta ou unha xestión directa sen externalización do servizo por parte do Concello.
O problema disto é que as consecuencias da mala xestión non as paga o Goberno de Compostela Aberta, senón os nenos, as nenas, os pais, as nais e os traballadores e traballadoras que atenden este servizo e que viven este proceso con grande incerteza, concluíu Rubén Cela.