PLENO

O BNG traslada ao Pleno a necesidade de axilizar os trámites para frear a deterioración do antigo hospital das Galeras

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín propón “unha negociación con outras administracións para instalar no edificio un centro de día, caso de que finalmente o proceso de compra-venda non remate satisfactoriamente”
O BNG traslada ao Pleno a necesidade de axilizar os trámites para frear a deterioración do antigo hospital das Galeras

“O antigo hospital das Galeras era unha peza fundamental e foi un erro histórico permitir que se ampliasen os seus usos para facer esta operación”, afirma

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, anunciou que defenderá unha iniciativa no Pleno para poñerlle fin ao proceso de deterioración do edificio do vello hospital das Galeras, instando as partes implicadas a actuaren coa celeridade precisa. Así, o BNG proporá realizar os estudos técnicos e xurídicos pertinentes para ter unha folla de ruta e pór enriba da mesa diferentes opcións, incluída a da negociación con outras administracións para instalar no edificio un centro de día, caso de que finalmente o proceso de compra-venda non remate satisfactoriamente, segundo explicou.

Ademais, o BNG considera que o Concello debe reclamarlle á propiedade “que proceda a reparar, de urxencia, todos os danos causados neste período”. “O BNG asiste con estupor ao proceso de deterioración do vello hospital das Galeras, sen que a Administración municipal tome cartas no asunto e faga o posíbel por impedilo”, indicou Goretti Sanmartín. “Sabemos o acontecido con estas instalacións, o traslado do servizo, o abandono do inmóbel e o proceso de adquisición mediante un acordo coa Universidade de Santiago, que está pendente de resolución xudicial”, engadiu.

Isto produciuse logo de aprobarse unha modificación puntual da Ordenanza Especial das Galeras e da ampliación dos usos permitidos no PXOM para poder destinalo nun 50% da súa superficie a actividade comercial, hoteleira e oficinas. “A este cambio opúxose de maneira rotunda o BNG” e esta modificación do PXOM realizouse cos votos a favor de Compostela Aberta, Partido Popular e PSOE. Naqueles momentos, igual que agora, o BNG considerou que o inmóbel era un emprazamento idóneo para poder manter a condición de servizo público para acoller unha residencia de persoas maiores con centro de día. “Fixemos ademais varios actos reivindicativos nesta liña e entendemos que o conxunto das administracións, tanto a municipal, como a Universidade e, sobre todo, a Xunta de Galiza, deberían implicarse para que iso fose unha realidade e axudar desa maneira a revitalizar a Cidade histórica e a servir como elemento para que a poboación non teña que abandonala”, sinalou.

Transcorridos varios anos, declarouse a ruína económica dese antigo hospital provincial. É certo que o inmóbel está catalogado, que existe unha defensa patrimonial para que non se poida derruír, “mais tamén é evidente que existen moitos intereses urbanísticos na zona que fan que ese espazo sexa desexábel e envexábel para cuestións que teñen máis que ver coa especulación urbanística do que prestar un servizo ao conxunto da poboación de Santiago”. “O edificio do vello hospital das Galeras era unha peza fundamental e foi un erro histórico permitir que se ampliasen os seus usos para facer esta operación”, advertiu.

“Para frear esta deterioración, o Goberno local non pode seguir escondéndose e non facer todo o posíbel para conseguir os acordos e os trámites necesarios para rematar con esta situación”, proseguiu a portavoz nacionalista en Raxoi.

Por iso, anunciou que o BNG vai presentar unha proposta ao Pleno de febreiro para reclamarlle á propiedade que proceda a reparar, de urxencia, todos os danos causados neste período; para reclamar as partes implicadas a poñer fin ao proceso de deterioración do edificio e para realizar os estudos técnicos e xurídicos pertinentes para ter unha folla de ruta, incluída a da negociación con outras administracións e ver, en todo caso, se o proceso é reversíbel e a compra-venda non remata satisfactoriamente se se pode instalar alí unha residencia con centro de día.

 

 

O BNG traslada ao Pleno a necesidade de axilizar os trámites para frear a deterioración do antigo hospital das Galeras