ORZAMENTOS
Goretti Sanmartín: “O BNG consegue incluír propostas prioritarias que reclama a veciñanza e facilitará os Orzamentos coa abstención”
Anuncia que trasladará unha iniciativa para a recuperación da xestión directa de servizos ao abeiro da Lei de Orzamentos do Estado de 2022
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2022.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín, logo da Comisión de Facenda, anunciou a abstención do BNG no Pleno de Orzamentos previsto para o 15 de febreiro, ao ter en conta as diversas actuacións que aceptou o PSOE do paquete de 40 propostas trasladadas durante a negociación que eran, en boa parte, demandas veciñais.
Para o BNG esta proposta orzamentaria chega moi tarde, con tres meses xa perdidos para a execución dun orzamento importante, que sobe aos 133 millóns de euros incluíndo o orzamento consolidado dos entes autónomos e que se sitúa nos case 130 millóns de euros para o Concello en particular.
“Preocúpanos que chegue tarde porque, máis unha vez, temos que falar dunha baixa execución no ano 2021, que a 30 de setembro se situaba no 9,83% no capítulo de obras e investimentos e que veremos se chega ao 25% a finais de ano, tendo en conta que en 2020 foi do 21,85%”, indicou. Por iso, entre as condicións que o BNG puxo para negociar estes orzamentos estivo a de convocar xuntanzas periódicas coa concelleira de Facenda para que dea conta do grao de execución xeral e do grao de execución particular daquelas partidas que foron propostas do BNG.
Entre as propostas do BNG que se inclúen nos Orzamentos para 2022, están as axudas para sectores afectados pola COVID-19 e polas obras, a reserva dunha cantidade para saneamento e abastecemento para o rural, fixada en 841.600 euros, “aínda que a nosa demanda era dun millón despois de varios anos incorporando 0 euros para este concepto”, a estatua dedicada a Ánxel Casal, a realización da seguinte fase da obra de Castrón Douro a Sar, cun importe de 420.000 euros, a posta en funcionamento do centro de asesoramento LGBT, o novo parque de skate en Conxo por 150.000 euros e a convocatoria da liña de axudas para ONG e Cooperación por valor de 97.000 euros. Tamén contará con orzamento a actuación integral en Guadalupe-A Ponderosa cun investimento de 750.000 euros, o compromiso con instalacións deportivas como a nova piscina de Santa Marta ou a Cidade da Raqueta, a mellora da rúa Mallou cun investimento de 350.000 euros, o servizo de control das empresas concesionarias e a realización dos estudos necesarios para conseguir a accesibilidade e humanización da rúa Bispo Teodomiro e do barrio da Estila e avenida de Salamanca.
Desde o Goberno local comprometéronse tamén a realizar unha negociación coa Xunta de Galiza e outras administracións para conseguir un centro de día nas Fontiñas e un Conservatorio de Danza. Ademais, incorporarán crédito necesario para dotar a Rocha Forte dun local multiusos imprescindíbel para unha veciñanza das máis activas do concello.
Porén, advertiu doutras cuestións de interese que ficaron no tinteiro como a negativa a facer novos aparcadoiros públicos, as obras de humanización do Restollal, o plan de mellora do remate das obras de Vista Alegre, a fase pendente das obras nos Basquiños-A Pastoriza, a creación dun Museo de Fotografía e do espazo para as escenografías de Kukas, o remate das obras de Puente la Reina e un plan de emprego xuvenil, segundo detallou.
“Estes non son, pois, os nosos orzamentos”, afirmou, “pois non inclúen cuestións vitais para nós e, sobre todo, temos dúbidas da capacidade de xestión do PSOE para que sexan unha realidade, tendo en conta o que está a pasar coas obras que tiñan que estar rematadas a finais de 2021”. “Con todo, a incorporación destas cuestións, así como da posta en marcha do fraccionamento do pagamento dos impostos tras un longo período de reclamación por parte do BNG, entendemos que merece unha abstención que facilite, polo ben da veciñanza, a posibilidade de que o que agora se escribe neste proxecto de orzamentos, pase a ser unha realidade”, afirmou.
Ademais, indicou que o BNG “seguirá a pelexar por conseguir outras cousas, porque se remate cunha actitude servil coa Xunta de Galiza e co Goberno do Estado e se demande o que nos corresponde, a comezar polo incremento das cantidades que recibe o Consorcio”.
Recuperar a xestión directa de servizos
Goretti Sanmartín anunciou, ademais, que levará a Pleno iniciativas que denuncien que este proxecto de Orzamentos tamén é unha oportunidade perdida para conseguir que algúns servizos se presten a través da xestión directa e non de empresas privadas, algo que facilita a Lei de Orzamentos do Estado de 2022 e que este Goberno do PSOE non quixo aproveitar. Segundo explicou, esta lei permite que non conte a taxa de reposición para novos servizos, como podería ser o da inspección das concesionarias, e para servizos que se queiran pasar a prestar de xeito directo, como podía ser a xestión das multas, o CAU ou mesmo o tema da auga).
“É por isto, e porque aínda estamos a tempo de facer modificacións ao longo do ano, que imos levar ao próximo Pleno ordinario, o do 24 de febreiro, unha proposta para instar a que se estuden estas opcións á luz da nova normativa que o permite e que se aproveite unha oportunidade única para a prestación directa dalgúns servizos, algúns deles sobre os que a propia concelleira de Facenda declarou que era partidaria da xestión directa”, engadiu.