PLENO
O BNG traslada ao Pleno a reclamación da partida dos Orzamentos Xerais do Estado para as obras de humanización do túnel de Conxo
Tanto Ana Pastor como Íñigo de la Serna comprometeran esa actuación
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, presentou unha iniciativa que trasladará ao Pleno para reclamar, cunha petición unánime da Corporación, as obras de humanización e seguranza viaria pendentes da rotonda de Conxo, que estaban comprometidas por Fomento e non se incluíron nos Orzamentos Xerais do Estado.
“Se insisten en non facelo xa nolo temos que tomar como unha afronta política, como un desprezo á cidade e unha falta de palabra do Goberno español”, afirmou Rubén Cela. Lembrou que tanto Ana Pastor como Íñigo de la Serna, viñeron a Santiago como ministros “a facérense fotos e comprometeron ese investimento para Conxo”. Reclamou así, perante este tipo de incumprimentos “unidade de acción entre as forzas políticas da Corporación e os axentes sociais de Compostela”, co fin de que esas negociacións cheguen a bo porto. “Isto chega tarde porque o alcalde debera liderar unha fronte dese tipo dende o principio de mandato e non se quixo contar coa nosa axuda, cando manifestamos que o BNG sempre estaría a disposición da Alcaldía, con independencia de quen fose, para ir a Madrid co fin de visualizar que as peticións do Concello non son de parte senón de cidade”, sinalou.
Lembrou que o tramo do falso túnel de Conxo carece de illamento sonoro, a pesar de que circulan milleiros de vehículos cada día perto das vivendas, o que provoca unha exposición continuada á contaminación acústica. Faise necesario incrementar a seguranza peonil e a mellora deste espazo público para favorecer a conexión dunha beira e outra da estrada, co fin de evitar que a vía divida o barrio como acontece na actualidade. “Cómpre alongar o carril de incorporación á rotonda, así como mellorar a dirección Santiago e psiquiátrico de Conxo, pois teñen un ceda ao paso e un STOP que fan perigosos os accesos”, dixo. Tampouco está ben resolta a recollida das augas pluviais, engadiu Rubén Cela.
Ademais, sobre a valoración dos Orzamentos Xerais do Estado para Santiago, sinalou a drástica redución da cantidade consignada ao enlace orbital, cando inicialmente eran 45,6 millóns de euros (31 en 2018, 28 en 2019 e 26 en 2020) e agora figuran 26 millóns (8 en 2018, 2019 e 2020 e 2 en 2021).
O mesmo acontece coa partida do Consorcio de 4.555.000 euros, que supón a conxelación da cifra recortada por mor da crise, cando en 2011 consignaban 7.417.903 euros, o que supón que agora son 3 millóns menos, unha redución do 38%
Referiuse tamén a que a proposta de Orzamentos de Rajoy conta con moi pouca credibilidade porque non conta cos apoios parlamentares para a súa aprobación, ademais de que a experiencia indica o baixo grao de execución dos mesmos.