PLENO

Rubén Cela cualifica de “incoherentes” as promesas de Compostela Aberta por non constituír aínda 11 dos 14 consellos de participación

O BNG levará a Pleno unha iniciativa para a activación dos Consellos de Participación Cidadá

Rubén Cela cualifica de “incoherentes” as promesas de Compostela Aberta por non constituír aínda 11 dos 14 consellos de participación

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, aludiu á “incoherencia e falta de cumprimento” dalgunhas das principais promesas electorais de Compostela Aberta referidas á participación e á transparencia, polo feito de non constituír aínda 11 dos 14 consellos de participación.

Así, anunciou que o BNG levará a Pleno unha iniciativa para a activación dos Consellos de Participación Cidadá. En Santiago, dende 1998, este Concello foi vangarda a nivel galego e estatal nas políticas de participación cidadá, coa creación do regulamento, do Consello Económico e Social e do Consello de Relacións Veciñais, sinalou Rubén Cela. Foi no período 2009 e 2003, co BNG nesa responsabilidade de Goberno, cando se impulsou a creación de seis novos consellos (Muller, Mocidade, Medio Ambiente, Normalización Lingüística, Educación e Saúde). No mandato 2003-2008 incorporáronse seis máis (Servizos Sociais, Deportes, Migracións, Compostela Cultura, Centros Socioculturais e Maiores).

Despois de 3 anos de Goberno de Compostela Aberta, deses 14 consellos de participación existentes, puxo en funcionamento tres: o Consello de Relacións Veciñais, o Consello de Saúde e o de Medio Ambiente. A maiores creou un novo, o de Cooperación e Solidariedade e mantiveron a Mesa do Comercio e o de Turismo.

Así, o BNG reclamará que se activen os consellos de participación cidadá pendentes, a comezar polos que teñen unha demanda social como o de Educación, o de Servizos Sociais. Fixo tamén referencia aos comprometidos publicamente como o da Infancia, “pois foi en agosto de 2015 cando Manuel Dios anunciou que ao comezo dese curso escolar estaría funcionando o Consello da Infancia, que repetiu un ano despois coa visita do pedagogo Tonucci cando anunciou en setembro de 2016 que para o mes seguinte estaría en funcionamento”. Mais isto non aconteceu.

Reclamou ademais que teñan “un contido real”, porque hai críticas por parte das asociacións veciñais con respecto ao Orzamentos. “Debera ser a priori e preceptivo que cada edil leve a proposta do seu departamento ao debate no Consello de Participación Veciñal, que mesmo pode ser vinculante”, sinalou.

“Compostela Aberta comprometeuse en campaña electoral a redactar un novo regulamento de Participación Cidadá, mais non só non o fixo senón que non cumpre o que está vixente”, advertiu Rubén Cela. Aí figura o dereito á audiencia, “mais unha das principais queixas que recibe o BNG é que o Goberno non recibe nin contesta a veciñanza nin aos colectivos”.

O BNG demanda tamén unha revisión dos Orzamentos Participativos, pois algunhas das medidas aprobadas como o tractor desbrozador, a sinalética das parroquias ou os paneis de comunicación social dous anos despois están sen realizar. “Máis alá dos problemas de seguranza, de cambios nas votacións, o orzamento destinado do 1% é ínfimo e reservado ao capítulo de investimentos”, cuestións que se poden mellorar.

No relativo á transparencia, sinalou que xa lle advertira a María Rozas de que o 1 de marzo tiña que presentar a liquidación do Orzamento como determina a Lei de Facendas Locais 191.3 para saber o que se executou en 2017.

Rubén Cela cualifica de “incoherentes” as promesas de Compostela Aberta por non constituír aínda 11 dos 14 consellos de participación