O BNG traslada ao Pleno a reivindicación de máis persoal para o servizo público de Correos
Esixirá tamén unha solución para ampliar o servizo de intérprete de lingua de signos que precisan as persoas xordas e xordocegas
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2015.- O grupo municipal do BNG traslada ao Pleno ordinario, aprazado a este mércores, unha moción destinada a reclamar máis persoal para o servizo público de Correos, co fin de evitar o colapso motivado polo recorte de 15 postos de traballo nos últimos 5 anos, que provoca que se alcancen até 9.000 cartas sen repartir no día.
O Ensanche, o Polígono do Tambre, San Roque, Vista Alegre e o barrio das Fontiñas son os lugares máis afectados por esta redución de persoal de Correos, co prexuízo que causa tanto para as empresas como para a veciñanza destas zonas.
Outra das mocións do BNG, vinculada ao 8 de marzo, vai destinada a instar á Xunta a aprobar, nun prazo máximo de dous meses, un Plan de Emprego Feminino co orzamento necesario para se desenvolver nos próximos catro anos. Os obxectivos son promover a contratación de mulleres nos sectores en que está subrepresentada, reducir o alto grao de precariedade das traballadoras en Santiago de Compostela e en Galiza, ademais de atallar as problemáticas específicas das mulleres nos ámbitos produtivos e das mozas galegas para accederen ao emprego.
O BNG leva tamén unha moción para que a Corporación municipal se posicione a favor de concederlle o asilo político ao activista saharauí Hassana Aalia e se remita este acordo ao Ministerio do Interior.
Ademais, o BNG esixe unha solución para ampliar o servizo de intérprete de lingua de signos que precisan as persoas xordas e xordocegas, que só dispoñen dun profesional a media xornada para atender as xestións básicas de toda a comarca de Compostela.
Alta tensión de Coira
Entre as preguntas rexistradas polo BNG, destaca unha para saber se o grupo de Goberno vai tomar algunha medida na defensa da veciñanza de Coira afectada pola liña de alta tensión, onde comezaron as obras de canalización de liña de 220.000 voltios sen aviso previo, sen información de detalle do trazado, con evidentes modificacións do proxecto inicial e sen pechar o prazo de alegacións.
Outras preguntas van dirixidas a coñecer os informes técnicos xustificativos da corta de diversas árbores idosas na alameda e a previsión da súa reposición; ademais de solicitar unha valoración do feito de que a Xunta abandonase a intervención paisaxística prevista inicialmente para conformar un bosque autóctono no Gaiás e optase por un marco de plantación convencional.
O BNG preguntou tamén pola falta de execución dos acordos plenarios para acondicionar o espazo onde se celebrou o Banquete de Conxo e para homenaxear o escultor Francisco Asorey, feito que contribuíu a convocar o acto previsto para este mércores en coincidencia co 126 aniversario do nacemento do artista.