O BNG reclama que a Banda de Música recupere a función de proxección da produción cultural en galego
É notorio que a cidade de Santiago está cada vez máis desgaleguizada nas actividades que dependen do Concello , afirma Rafael Vilar. Están a provocar importantes retrocesos lingüísticos en espazos culturais onde o uso do idioma galego era cotiá e gozaba de prestixio social
Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2015.- O grupo municipal do BNG reclámalle ao alcalde de Santiago que corrixa a tendencia actual da Banda Municipal de Música para recuperar o papel normalizador e de prestixio da cultura e da lingua galegas nas súas funcións.
Segundo explicou o concelleiro Rafael Vilar, a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela ten a responsabilidade de proxectar socialmente a produción cultural en galego, mais nos últimos tempos o público trasladou queixas ao BNG, tanto polo repertorio como pola falta de uso do idioma galego nalgúns programas de man publicados e distribuídos ao inicio da función.
É notorio que a cidade de Santiago está cada vez máis desgaleguizada nas actividades que dependen do Concello, cando con anterioridade a institución municipal desenvolveu políticas pioneiras na promoción do uso do galego, indicou o concelleiro. Accións como estas da Banda Municipal de Música están a provocar importantes retrocesos lingüísticos en espazos culturais onde o uso do idioma galego era cotiá e gozaba de prestixio social.
Deste xeito, o BNG preguntoulle ao alcalde que ten previsto realizar para corrixir esta tendencia da Banda Municipal de Música co obxectivo de que recupere o papel normalizador e de prestixio da cultura e da lingua galegas no seu repertorio.