Rubén Cela cualifica de dilatoria a estratexia do PP para evitar executar as sentenzas xudiciais
A última é unha situación esperpéntica derivada de que o Partido Popular cubriu en propiedade unhas prazas de persoal cando non podía facelo
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2015.- O portavoz municipal Rubén Cela cualifica de dilatoria a estratexia seguida polo PP para evitar executar as sentenzas xudiciais contrarias ás súas políticas antes das eleccións municipais.
Con respecto á paralización da execución da sentenza do cese do interventor e do secretario municipais que debían abandonar o cargo e ser restituídos polos que ocupaban con anterioridade esas prazas, Rubén Cela afirmou que nunca teriamos chegado a unha situación tan esperpéntica como a actual se o Partido Popular non cubrise en propiedade unhas prazas cando non podía facelo.
Este feito pode resultar dobremente custoso para as arcas municipais, xa que abre a posibilidade de que agora haxa que indemnizar á totalidade das persoas afectadas neste despropósito. Engadiu que esta actuación foi ilegal, como declararon dúas sentenzas e un auto aclaratorio que, dada a rotundidade das argumentacións, confiamos en que se manteña.
Se ben o BNG respecta o dereito das persoas implicadas a reclamaren, considera que o Goberno local de Santiago de Compostela saltou a normativa impulsada polo propio PP que impide novas contratacións de persoal nas entidades públicas.
Isto suporalle ao Concello de Santiago un custe de 450.000 euros, mais os gastos da defensa xudicial e as indemnizacións que correspondan.